Xa o dicíamos, en galego

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Phil Noble | REUTERS

19 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O outro día escoitei a unha moza dicir que o «wet look» lle salvara a vida. A piques estiven de ir mirar en Google que significaba iso, que non vén sendo máis ca levar o pelo pegado á cabeza coma se estivese mollado. Ou sexa, o que vén sendo un «lambeuche unha vaca».

A expresión levoume a pensar na cantidade de termos que importamos do inglés sen que sexa preciso, pois en galego xa o diciamos antes, e de maneira exclusiva.

Así, o que agora se denomina outfit vén sendo a «pintiña» de toda a vida; ter flow é «darlle xeito», e as cousas old-fashioned simplemente están resesas. Ollo, que para o skincare ata temos canción: «Vai lava-la cara, vai lava-la cara, galopín».

Non precisamos ser top ou prime porque nós xa somos «caralludos»; pola contra, algo resulta un bluff cando en realidade sabemos que é unha boa trapallada. Estar de chill foi sempre «paponear», e a tan socorrida slow life pois... nós xa tiñamos o «amooooooooooodo».

Como comparar o bro con chamarlle a alguén «irmao» mentres lle dás unha aperta, como facía o meu querido Xabier Docampo?

Pois si, todo isto que importamos xa o diciamos antes nós, os galegos, os do depende, os do «bueeeeeeeeeeeno», que seica escatimamos en palabras. Non é iso, senón que non as desperdiciamos, pois só necesitamos unha para dicir que hai que ter cabeza, resumíndoo no «sentidiño». Ademais, cun simple «quérote» esdrúxulo cinguimos nunha soa palabra todo o amor do mundo.

Porque somos moi aquelados. A ver como din isto os ingleses!