A música

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

Mauricio Dueñas Castañeda | EFE

23 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

É curioso, porque desde que me retirei dos escenarios non son capaz de gozar da música do mesmo xeito que o facía antes. Supoño que algún día volverá a miña paixón por unha linguaxe que me fixo ser quen son, pero polo de agora, escoitala ou interpretala segue a ser algo complexo para min. E é difícil entendelo, pois sigo emocionándome con algunhas cancións, especialmente aquelas que levan consigo unha memoria allea á propia composición. A memoria do momento no que a escoitei por primeira vez, a memoria dos lugares nos que me acompañou... A música non só leva consigo a memoria de quen a compón ou interpreta, senón tamén a memoria de quen a escoita, que querendo ou sen querer acaba por facer desa obra, desa canción, a banda sonora dunha parte da súa vida...

Pensaba niso cando o Xan puxo Construção mentres se duchaba esta mañá. Pois esta obra mestra do brasileiro Chico Buarque de Hollanda, que é poesía pura, tanto a nivel verbal coma sonoro, leva formando parte da miña vida desde a adolescencia, e en cada momento representou algo distinto: a miña relación co Xan, a miña paixón pola cultura brasileira, o meu espertar social, o poder da palabra... Pensaba en como todas esas referencias seguen aí, contidas nunha canción, unidas a esoutra versión de min que a escoitou no seu día.

Si, a música ten un poder infinito para conectarnos coas emocións máis profundas; unha poderosa ambigüidade que fai que sintamos unha emoción allea coma propia. Ten o superpoder de levarnos a un mundo paralelo que só nós coñecemos porque só está na nosa cabeza... Cada canción, cada obra, pode representar tantos universos coma seres humanos hai no mundo. Si, é universal.