Caminha, Mondoñedo, Ribadeo

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

A catedral de Mondoñedo.
A catedral de Mondoñedo. xerardo estévez

12 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Nuns poucos días pasei de Caminha a Ribadeo con parada en Mondoñedo, tres vilas históricas que dá gusto ver. Preguntábame de novo por que unhas si e outras non. É só o cumprimento dunha normativa ou tamén unha conciencia patrimonial da cidadanía?

Caminha é unha vila fronteiriza cunha fasquía militar e mercantil e con interese turístico. Como tantas vilas portuguesas, gústanos visitala pola súa conservación e transformación harmónica, tanto as fachadas como as estruturas interiores de madeira, os azulexos que rezuman e os traballos de forxa.

Mondoñedo preserva o señorío episcopal como unha xoia, sobre todo desde que a autoestrada A-8 a deixou de lado. Salvo a presenza de visitantes, parece suspendida no tempo, coa espléndida catedral que Cunqueiro contempla desde o seu banco da praza.

Ribadeo é o concello máis moderno, adquiriu rango municipal coa Constitución de Cádiz. Na súa posición estratéxica na marxe occidental da ría do Eo, a cidade burguesa e indiana é notoria pola elegancia dunha arquitectura novecentista que soubo custodiar como patrimonio común da cidadanía.

Pasado o vendaval barroco e a contrarreforma neoclásica, desde finais do século XVIII comeza nas vilas e cidades, invocando a modernidade, unha reforma que introduce unha visión hixienista para dotalas de servizos, regularizar rasantes e aliñamentos corrixindo as tortuosas rúas, e atender máis á arquitectura civil cá monumental; iso si, derrubando edificacións que hoxe considerariamos un disparate perder. O «diablo cojuelo» da especulación é inherente ás cidades desde a súa invención. Esa é a verdadeira historia construída de Galicia; moitas das pedras que admiramos como medievais foron labradas hai ben pouco.

A finais do século XIX aparecen as primeiras lexislacións e declaracións monumentais. Co franquismo, haino que recordar, ese legado sufriu gravemente. É nos concellos democráticos cando se abre o debate xeral sobre a conservación e a transformación, mediante a redacción de plans especiais e catálogos.

A lei de acompañamento dos orzamentos permite ditar disposicións polo procedemento de urxencia; todos os gobernos o fan. O apresuramento na transferencia aos concellos menores de competencias sobre patrimonio cultural impide estudar con vagar as consecuencias dun tema tan delicado como a responsabilidade municipal sobre os bens patrimoniais. Agora, penso que a Xunta, a Fegamp e os colexios profesionais deben establecer os medios para prover os recursos humanos e criterios precisos para evitar erros e danos irreversibles.