Un dos intres máis agradables para min do día 1 de xaneiro era a audición do concerto da Orquestra Filharmónica de Viena. Sempre me congratulaba de que a televisión pública puxese ao alcance de moitos afeccionados un acontecemento tan fermoso. Falo en pasado porque este ano a miña experiencia foi moi diferente. Nas tempadas que pasei en Colombia e despois en Ecuador co meu fillo maior, non puiden velo, por mor da diferenza horaria e porque interfería coas actividades da familia. Así que, instalada xa en Madrid, dispúxenme a gozar do concerto. Empezou como de costume, cunha visión xeral da magnífica sala, dos músicos e do director de orquestra, e a continuación soaron os primeiros compases.
A partir de aí empezou o meu desconcerto porque apareceu unha sucesión de imaxes que nunca vira antes: un pianista tocando en mangas de camisa; o grupo de trompas, con estraños uniformes, tocando nun xardín; o óboe e as frautas traveseiras noutro xardín distinto, e unha larguísima secuencia de ballet na que interpretaban unha historia: un bailarín namórase da imaxe dunha rosa, que encarna unha bailarina vestida desa cor, e dedícanse a amarse e perseguirse durante longos minutos. Bailaban moi ben e eu perdín o fío do concerto e xa non sabía o que estaba a ver e oíndo.
Chamei o fillo que vive en Madrid para ver se el me aclaraba o que pasaba, e explicoumo utilizando o mesmo ton que empregaría para falarlle a un discapacitado mental. Dixo que, ademais dunha magnífica orquestra, en Viena teñen un magnífico elenco de bailaríns e que era lóxico que o luciran. E que proxectaban imaxes da cidade porque a maioría da xente prefire ver esas imaxes e non aos músicos dunha orquestra durante hora e media. Como me amolou o ton empregado, repliqueille que os que queiran ver ballet vaian ver O Cascanoces, que é un ballet moi bonito, e que nos deixen aos vellos afeccionados ver e oír un concerto, tal e como foi durante moitos anos.
Confío en que algún dos meus lectores comprenda as miñas queixas e que desculpe o meu desafogo emocional. Deséxolles un feliz, próspero e tranquilo 2026.