As rías galegas: ameazadas dobremente

Javier López Fernández / Fiz Fernández Pérez AO DÍA

OPINIÓN

Bateas «long lines» de captación de mejilla en Muros, proyecto impulsado por Opmega
Bateas «long lines» de captación de mejilla en Muros, proyecto impulsado por Opmega CARMELA QUEIJEIRO

Galicia leva décadas beneficiándose dun fenómeno natural extraordinario: o afloramento costeiro. Grazas aos ventos dominantes do norte durante a primavera e o verán, as augas superficiais desprázanse cara ao océano aberto e son substituídas por augas profundas, frías e ricas en nutrientes. Este mecanismo funciona como unha auténtica fertilización natural do mar, sustentando algunhas das pesqueiras máis produtivas de Europa e convertendo as Rías Baixas nun dos grandes centros mundiais do cultivo do mexillón.

 

Porén, os científicos levan anos advertindo dun cambio preocupante. Estudos realizados ao longo das últimas décadas indican que o afloramento na costa ibérica mostra unha tendencia ao debilitamento desde mediados do século XX. A consecuencia inmediata é unha menor incorporación de nutrientes ás capas superficiais do océano, o que reduce a produción primaria que alimenta toda a cadea trófica mariña. Esta evolución xa foi relacionada no pasado con cambios no ecosistema costeiro e mesmo co declive de algúns recursos pesqueiros. Mais agora aparece unha segunda ameaza que podería agravar aínda máis a situación. A onda de calor mariña que afectou o Atlántico norte durante 2023 deixou unha pegada persistente nas augas da rexión galego portuguesa. As análises da capa superficial do océano mostran que, desde finais do 2022, as augas permanecen máis cálidas que a media histórica. Ao mesmo tempo, a salinidade superficial diminuíu, favorecida por un aumento das precipitacións e da achega de auga doce. O resultado é unha capa superficial máis lixeira e menos densa. Pode parecer un detalle técnico, pero ten unha enorme importancia ecolóxica. A densidade da auga controla a estratificación da columna de auga, é dicir, a separación entre as capas superficiais e as profundas. Cando a superficie é máis quente e menos salgada, a estratificación aumenta e dificúltase a mestura vertical. En termos sinxelos, cústalle máis ao océano transportar cara á superficie os nutrientes almacenados en profundidade. Aquí é onde ambas ameazas converxen. Por un lado, o afloramento tende a achegar menos nutrientes porque o mecanismo que os transporta parece debilitarse. Por outro, a crecente estratificación dificulta que os nutrientes dispoñibles alcancen a zona iluminada onde medra o fitoplancto. É unha especie de dobre bloqueo ao sistema de fertilización natural do que dependen as rías. As consecuencias son potencialmente importantes. Un ecosistema máis estratificado tende a favorecer unha maior reciclaxe interna de nutrientes e cambios na composición do plancto. Investigacións previas xa observaron que condicións semellantes poden favorecer determinadas proliferacións de algas nocivas, incrementando os episodios de peche do marisqueo e da extracción de mexillón. Por agora non existen evidencias suficientes para afirmar que a produtividade das rías estea diminuíndo de forma irreversible. Pero os sinais observados son un aviso que merece atención. O futuro das rías galegas dependerá da interacción entre o afloramento, a estratificación, o cambio climático e a capacidade do ecosistema para adaptarse a un océano cada vez máis cálido. Comprender estes procesos será fundamental para protexer un dos maiores tesouros naturais e económicos de Galicia.

Javier López Fernández é alumno-investigador da Universidade de Vigo. Fiz Fernández Pérez é investigador do CSIC e menbro da Real Academia Galega de Ciencias