Sen máis verbas

Juan M. Casares A MEDIDA DAS COUSAS

OURENSE

20 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Non proxectara escribir este artigo e non sei se estou realmente preparado para facelo xa que falar da barbarie, a crueldade e a sen razón endexamais é doado para quen se considera xente de ben e de orde. París, Berlín, Londres, Niza, Barcelona; unha listaxe cada día máis poboada de cidades que son vítimas de ataques de quen non ten máis estímulos vitais que sementar de terror e morte a vida e o sistema de liberdades dos demais. Ao longo da historia foron as motivacións relixiosas, desprazadas no século XX polas ideolóxicas, as coartadas utilizadas para xustificar a visión totalitaria da existencia humana e social que se substancia por baixo da codia destas accións. Hoxe semella que o leitmotiv é unha mestura radical das dúas á que se engaden ingredientes de tipo cultural conformando unha cleavage letal con resultados incertos. Sempre dixen que para min as ideoloxías, coma sistemas de ideas e principios derivados da interpretación da natureza humana e social do home, as relixións, coma conxunto de dogmas e principios morais de vida e de intento de explicación do que non é doado explicar, e a cultura, coma conxunto dos produtos da acción creadora dunha sociedade, son instrumentos ao servizo do home para a súa evolución, nunca para a súa destrución. Por iso mesmo defendo que non son elas per se as perversas senón a mala utilización que algúns fan das mesmas. E namentres todo isto acontece os grandes gurús xeopolíticos pérdense en teorías que tentan explicar toda esta desfeita con debates que desvían do que realmente importa: a solución dos problemas. O choque de civilizacións, O diálogo de civilizacións ou A alianza de civilizacións, son grandes desenvolvementos teóricos que enchen páxinas dos xornais, sementan de chíos os fíos do Twitter e de teses improdutivas os arquivos universitarios. E eu, que cada día vexo con menor distancia todos estes acontecementos, pregunto porque alguén non aparca o bolígrafo e as elucubracións e emula ao poeta pedindo a paz e a palabra. Porque cada día percibo un maior perigo para aquilo que teño por máis sagrado coma persoa: a miña cativa vida en liberdade.