«Hai que achegar a historia aos nenos»

OURENSE

Santi M. Amil

O erudito Elixio Rivas recibe o recén creado premio Pedra Alta por divulgar o pasado da Limia

17 oct 2017 . Actualizado a las 19:14 h.

Elixio Rivas Quintas, sacerdote, profesor, lingüista e etnógrafo galego, de 92 anos, ten unha das máis longas traxectorias como historiador e referente cultural da comarca da Limia. Tras ser ordenado crego, foi destinado a Inglaterra na década dos anos 40. Alí estivo ata metade dos 50. Dende 1955 traballou nunha igrexa de La Habana, ata que en 1961 o goberno de Fidel Castro decretara a súa expulsión do país. De volta á súa terra céntrase na docencia tras obter o doutorado en Filoloxía Románica. A partires de aí, durante máis de dez anos dedícase a percorrer todos os recantos da Limia. Hai días, recibiu o premio Pedra Alta de Antela polo Padroado do Museo Etnográfico situado en Vilar de Santos.

-¿Como valora este recoñecemento?

-Con moita ledicia. É satisfactoria obter esta distinción xa que son un dos máis veteranos investigadores do pasado da Limia.

-¿Cando lle entrou a afección pola historia antelá?

-Dende pequeno xa me provocaban curiosidade estas cousas. Volvín do estranxeiro e investiguei todo o que puiden ao longo da comarca. Foi un traballo a pé de campo, de moitos anos. Falei coa xente das aldeas. Recorrín o territorio da chaira de Antela o da zona do Monte Medo, en San Mamede. Fixen unha labor importante de toponimia. Escribín un libro sobre elo de 775 follas, que foi premio Otero Pedrayo en 1980.

-¿Que chama máis a atención da historia da Limia?

-Moitas cousas. Hai uns elementos pouco coñecidos agora como son os palafitos, estruturas na Lagoa da Antela, que proceden da Idade de Bronce. Logo está o importante pasado romano. Fixen planos de restos de 40 mámoas -no Medo hai unha enorme densidade, con case 25- e uns 30 castros. Tamén está a enorme transcendencia da Civitas Limicorum e da pegada da Vía XVIIII entre Braga e Astorga, xa que hai miliarios e diferentes vestixios. Logo están as lendas es costumes propias de aquí. Hai moito traballo etnográfico que fixen e insisto en que foi importante falar coa xente dos pobos e camiñar moito polos concellos da comarca.

-¿Está suficientemente dada a coñecer esa historia tan fonda?

-Penso que non se fai o suficiente para promover a investigación histórica por parte dos poderes públicos. Creo que é moi importante achegar a historia aos rapaces e promover a súa inquietude e interese por estes temas. É algo básico. No plano de investigación, deberían facerse escavacións e indagacións sobre moitas cuestións.

-¿Pensa que nese sentido son positivos eventos como a Festa do Esquecemento de Xinzo de Limia?

-Si, son importantes. Xa digo que os nenos de 10 ou 12 anos coñezan ese pasado é moi transcendente, e este tipo de actos poden axudar.

-¿Cóidase máis a difusión e preservación da historia local agora ou hai 40 ou 50 anos?

-Pois quizais era máis importante a labor de antes. As investigacións de Vicente Risco e Cuevillas foron moi valiosas. Traballouse moito en documentacións e inventariado de mámoas ou castros. Aquela era unha investigación ben feita, cunha metodoloxía axeitada. Hoxe hai moitos vestixios que están medio esquecidos ou non adecuadamente atendidos. A historia é un conxunto, unha globalidade e así se debe abordar. Non é algo particular ou segmentado.

-Por certo, ¿que lle pasou en Cuba no ano 1961?

-Que nos botaron do país. O novo goberno de Fidel Castro considerábannos uns vermes. Un día recibín un papel dicíndome que me tiña que ir de Cuba, sen máis explicacións.