Homenaxe de Ourense ao propagandista Basilio Álvarez

La Voz

OURENSE

No disponible

En 1928 a cidade festexou o nomeamento do crego como fillo predilecto da provincia

13 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

La Voz de Galicia publicaba na súa portada unha noticia, remitida por teléfono e asinada por Alcalá, sobre a homenaxe a Basilio Álvarez (Ourense, 1877 - Tampa, 1943) celebrada en Ourense e como se desenvolveron os «brillantes actos» na cidade. A xornada festiva organizárase con motivo de ter sido nomeado fillo predilecto da provincia o «ilustre propagandista», elexíndose unha comisión organizadora para tal fin.

Ás dez da mañá iniciaban o percorrido pola cidade varias bandas de música e de gaitas para anunciar os actos. Unha hora despois procedeuse a descubrir unha «artística lápida» na casa onde naceu Basilio Álvarez, no número 12 da Avenida de Bos Aires. Ata alí se desprazaron as autoridades locais, as bandas de música, as bandeiras das sociedades agrarias e numeroso público. Logo da descuberta da placa pronunciou un discurso moi efusivo e moi laudatorio para o homenaxeado «o culto publicista e director do Instituto, don Ramón Otero Pedrayo».

A comitiva partiu logo cara á casa do Concello. No salón de actos procedeuse á entrega dun artístico pergameo no que se recollía o nomeamento como fillo predilecto da provincia de Ourense.

Rodríguez Soto e Cabanillas

O presidente da Deputación, don Julio Rodríguez Soto, pronunciou un elocuente discurso subliñando ao ilustre propagandista e a súa constante labor a prol da redención de Galicia. Con frases elocuentes «e visiblemente emocionado» respostou, agradecendo a homenaxe que se lle tributaba, don Basilio Álvarez. O solemne acto estivo presidido polo bispo Cerviño, quen efusivamente abrazou e bendeciu ao cultísimo crego.

Logo, no «campo de tennis», celebrouse un banquete no que participaron máis de cincocentos comensais. Ofrecía a homenaxe o culto avogado Alfonso Carballo, falando despois Fernández Mato e Cabanillas. Don Basilio, nun admirado e brillante discurso deu as grazas.

De toda España e das Américas Latinas chegaron felicitacións para o homenaxeado.