Ánxeles Vázquez

Juan M. Casares A MEDIDA DAS COUSAS

OURENSE

18 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

En terra conservadora non era quen de pecharse quizais por que un dos seus alicerces, o meu Libro dos amigos, sentíase tolleito; fallaban as verbas sentidas sobre unha persoa fundamental no meu devir persoal e profesional. Teño dito que a tarefa máis honrosa a desenvolver por quen vive en sociedade é ocuparse das cuestións da res publica, isto é desenvolver un servizo aos demais. Mellorar a vida dos veciños e implementar as medidas que dean solucións aos seus problemas reais, constitúe a un tempo un labor honorábel, reflicte un estado de compromiso moral coa terra e nutre a saca da madureza persoal e profesional de quen o exerce. Na miña opinión vocación de servizo, compromiso con Galicia e madureza profesional son as tres expresións que mellor definen a Ánxeles. «É bo que baixes á viña, presidente. Temos que humanizar a política»; era a primeira vez que estaba na Evega, co gallo da visita do presidente da Xunta a ese centro, e había pouco que fora nomeada. Non tardei moito en caer na conta de que esas verbas non representaban unha declaración de intencións enunciada ao chou senón que sinalaban o camiño do traballo e as formas que logo desenvolvería no seu maxisterio político en Medio Rural. Dicía Burke que «a adulación corrompe tanto ao que a recibe como ao que a concede» mais gabar con fundamento a alguén non é adulación senón un acto de xustiza. Con Ánxeles houbo ilusión, compromiso, apoio e eficiencia; as ideas fluían coma mananciais de auga fresca e se substanciaban en proxectos e compromisos cun mundo rural necesitado decote; por iso sempre digo que as súas fotos traían canda si un texto real e non eran un book fotográfico ad maiorem gloriam. Hoxe, nos intres de anguria vital polo desenvolvemento dos acontecementos, adoito asomarme á miña fiestra de Leiro aberta a Galicia e revivir esas doces lembranzas de tempos serodios que, polo de agora, non teñen pinta de volver.