O PSOE pide que a Deputación defenda o campus da «marxinación» da Xunta

La Voz OURENSE

OURENSE

Os socialistas levarán unha moción ao pleno do mes de setembro

16 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

 O PSOE proporá que a Deputación de Ourense defenda ó campus universitario de Ourense, logo da «marxinación» á que está a ser sometido nos últimos acordos sobre implantación de novas titulacións acordados pola Xunta de Galicia e as universidades. Nunha iniciativa que se debaterá no pleno ordinario de setembro, reclaman que se inste á Universidade de Vigo e ó goberno galego a recuperar o dobre grao en Informática e ADE «que nunca tivo que ter sido pechado»; se impulse a carreira de Aeronáutica coa «implantación en exclusiva do máster en Enxeñaría Aeronáutica»; e se incorporen novas titulacións de grao que «permitan manter a competitividade do campus».

 Desta forma, os socialistas queren poñer o foco da institución provincial nas queixas da plataforma Pro Campus, trasladadas por escrito a todos os grupos políticos da corporación, hai unhas semanas.