O salón de vodas, bautizos e comuñóns cumpre vinte años

La Voz OURENSE

OURENSE

CEDIDA

Celebra terá lugar durante este fin de semana no recinto feiral de ExpourenseHaberá dous pases cada día do evento para ver as últimas novidades. 

22 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Dani Ríos, «O casamenteiro», guiará ás parellas na súa busca de produtos e servizos

? Celebra cumpre 20 anos acompañando ás familias e empresas galegas, e sobre todo ás de Ourense, na organización dos seus eventos ofrecendo os produtos e servizos nos que prima a calidade, o deseño e a orixinalidade. O Salón de Vodas, Bautizos e Comuñóns e Actos Sociais organizado por Expourense celébrase esta fin de semana, días 23 e 24 de novembro, no recinto feiral e reunirá a un total de 40 expositores procedentes nun 85 % da provincia de Ourense.

Esta edición número vinte foi presentada onte na Confederación Empresarial de Ourense nun acto no que participaron o presidente do comité executivo de Expourense, Jorge Pumar; a presidenta da Federación de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez; e a directora de Administración de Expourense, Cristina Álvarez. En representación dos expositores estivo o xerente de Paris Diffusion Perruqería e Estética que é un dos poucos que leva 20 anos seguidos participando nesta cita. Lembrou os inicios do salón (en marzo do ano 2000) e como era dos poucos que había en España nese momento.

Celebra 2019 primará a interacción entre os expositores e os visitantes a través da presenza do oficiante Dani Ríos, O Casamenteiro, que guiará ás parellas na súa busca de produtos e servizos. Para esta edición cóntase ademais coa colaboración da empresa Bodaspack, unha plataforma web galega especializada na organización integral de vodas.

Pases de moda

Como é habitual, a oferta expositiva complementarase con varios pases de moda nupcial, festa e infantil. Estarán coordinados pola Axencia Luena e neles participarán as seguintes empresas: Nicandra (noiva e festa), As Badaladas (noiva e festa), Angelo Milano (noivo), Loyma (xoiería), París Diffusion (perruquería). Este ano súmanse a esta actividade Little Kings Ourense (moda infantil de festa), El Tocador de Anabel de Allariz (estética) e Duet Moda, empresa de moda nupcial e ceremonia de Sarria (Lugo). A meirande parte destas empresas con coleccións de fabricación e deseño propio. O desfile infantil será ás 17.00 h e o de noivos e festa ás 18.30 h. Os desfiles estarán presentados por Manu Valreal da Axencia Luena que estará acompañado por coñecidas artistas.

As estatísticas indican que se reduce cada vez o número de convidados nos diferentes eventos (130 de media nunha voda, por exemplo) pero que medra o investimento en cada un deles e iso non significa outra cousa que se coidan cada vez máis os detalles e os xestos de cariño cara os convidados. Estimar o custo medio dunha voda non resulta sinxelo xa que vén determinado por moitos factores como o estilo de cerimonia, o número de convidados, lugar de celebración, época do ano, tipo de viaxe de lúa de mel, etc. Aínda así, os distintos datos dispoñibles indican que o custo medio dunha voda en Galicia ronda os 21.000 euros, o que supón un desembolso importante para as familias, pero tamén unha oportunidade de negocio para as empresas especializadas que cada ano acoden a Celebra.

Horario de visita

O horario de Celebra, que se desenrola no recinto feiral de Expourense será sábado e domingo de 11.00 a 14.30 horas e de 16.00 a 20.30 horas. A entrada ten un custo de 2 euros (menores de 12 anos gratuítos). A información desta cita actualízase na web www.expourense.org e nos seus perfís sociais (Facebook e Instagram). Ademais, realizaranse distintos sorteos entre as visitas para favorecer que volva a ser unha cita multitudinaria.

Realidade virtual e seguros, entre as novidades nun sector que evoluciona

Celebra 2019 presentará unha ampla oferta de produtos e servizos para que as familias que están organizando o seu eventos para o 2020 ou ata para o 2021, poidan atopar aos provedores necesarios para a súa voda, bautizo ou comuñón como o lugar onde celebrar o banquete; os traxes de noivo, noiva e festa; perruquería e estética; arranxos florais; fotografía; xoiería; viaxes; animación e discotecas móbiles; agasallos; actuacións musicais; «espellos máxicos» que son fotomatóns; coctelería; prensa especializada, etcétera. Todas as empresas ofrecerán os produtos e servizos necesarios para organizar un evento 100% personalizado, diferente e a prezos competitivos.

Entre as novidades destaca a realidade virtual que ofrece unha empresa especializada en fotografía e vídeo, a única no norte de España que presta ese servizo. Realizan vídeos onde gravan todos os detalles ao redor dos noivos e que hai que ver despois con gafas de realidade virtual, conseguido así unha sensación totalmente inmersiva no evento. Cambiase así o tradicional álbum de fotos e vídeo por unha especie de «videoxogo» da voda. Outra das novidades que poderá atoparse será unha asesoría que ofrece o único «seguro de protección de vodas e eventos» que ofrece a tranquilidade de estar cubertos no caso de que o evento non se puidera celebrar finalmente polo motivo que fose desde a climatoloxía adversa ou a ausencia no día sinalado dalgún dos servizos contratados. Por cubrir, cobren ata a perda das alianzas de voda.