O porco

Marcos Guimarey ARGUMENTARIO

OURENSE

15 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Que xenialidade propor facer o referendo da Constitución nestas datas de invernía, tivo que ser dos nosos polo menos. Contar co Concordato e seguir mantendo o día da Inmaculada como día de festa. O día de mata, o día da desfeita e o día de encher. Isto só se podía facer cun pensamento estratéxico a longo prazo.

No Concello están agora entre a desfeita e o encher; andan preparando o saleiro, picando a carne, ou como lle chaman eles, atando os «orzamentos». Cada casa ten o seu xeito, agora son dous a ordenar, pero pouco se poden separar do que marca a Lei de Bases do Réxime Local.

Non podemos esperar moito deste cocho, que vén sen lardo, leva anos a dieta; fálase de que se foron gardando no faiado uns sacos de fariña e agárdase que a base de modificacións de crédito, na primavera engorde o novo que ten que vir. De momento o que nos toca repartir non chega ao dente.

Nos centros de saúde da provincia, na tardiña, veñen os feridos polo chamusco, os puntos de sutura polos cortes, as hernias por non estar acostumados. É o que ten facer as cousas unha vez o ano. Saen do revés, e iso que levas soñando coa desfeita dende fai dez anos. Facías sopas co recendo do solombo nas brasas; pero esquecícheste de irlle dando de comer ao marrau e falaches mal das veciñas, e agora non che queren vir a agarrar.