Allariz Debuxado propicia o encontro entre debuxantes

La Voz

OURENSE

MIGUEL ROBLEDO

O festival da creación acada a súa cuarta edición coa presenza de profesionais e de estudantes de arte

22 ene 2020 . Actualizado a las 22:08 h.

31 de xaneiro e 1 de febreiro • Distintos horarios • De balde • O festival da arte da ilustración Allariz Debuxado está a piques de encetar a súa cuarta edición. Será a próxima semana cando os ilustradores e estudantes se citen en Allariz para intercambiar experiencias e para a presentación de publicacións. Nesta cuarta edición, presentada o martes no Concello de Allariz, participarán ilustradores como David Lafuente, Ester García e Tomás Hijo, que pronunciarán senllas conferencias no Fogar dos Maiores. David Lafuente abrirá o programa o venres, logo da inauguración na que intervirán a alcaldesa Cristina Cid e o director de Aira editorial, César Lorenzo, falando de como ser debuxante remunerado. Ester García falará pola tarde cunha conferencia titulada «Detrás del telón» e Tomás Hijo ten como tema «Ilustrando a Tolkien y Lovecraft. Gracias y desgracias del «fan art». A primeira xornada pecharase cun concerto do dúo Piratas sen parche no café Catro Portiñas.

Como actividade paralela ao festival, celébrase a terceira Feira da Creación, unha proposta que se por primeira vez, se o tempo o permite, será ao ar libre, na Praza de Abaixo. Está prevista a participación de vinte expositores. Será de 11.00 a 20.00 horas.

O sábado á mañá, o festival trasládase a Fundación Vicente Risco. Alí presentarase a novela gráfica «Grandarroiba», de Cristian F. Caruncho. Asemade, haberá micropresentacións de artistas emerxentes e sinaturas dos ilustradores que se achegan ata o festival. Manel Cráneo dará un relatorio sobre a experiencia de Demo editorial, referente no sector en Galicia.