Ecuador

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

03 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Como imos? Eu vou a cachos. Estou na fase de verlle o lado positivo (grazas a que o meu mozo me tira do fío cando a cabeza me escapa como un globo). A pequecha está ben e agora tennos moito máis cerca e moitas máis horas dispoñibles só para ela, aínda que eu teña que desaparecer para traballar. Na casa (e esa casa é a nosa, pero tamén as casas dos nosos) estamos todos ben. E iso sempre axuda, clarísimo está. Hai que verlle o positivo. Pero tampouco esquezo o negativo desta situación. Os avós levan tempo se poder darlle un coliño a unha pequecha da que, a este ritmo, van ver os seus primeiros pasos por vídeo. E o de soprar as velas imos ter que deixalo para máis adiante. E levo fatal este non saber que vai pasar despois do día 11. E, sobre todo, cando poderemos volver ter a nosa vida de antes. Porque eu non quero pensar que esa non volverá. Quero volver pasear pola praia, quero volver ir a concertos e festivais coa pequecha, quero que viva a súa primeira verbena, quero poder levala ao súper (nunca pensei que ía botar de menos ir á compra, mercar sen andar ás agochadas para non cruzarme con ninguén e tratar de evitar contaxios), quero ir xogar ao parque, quero pasear co meu mozo da man, quero viaxar, quero poder tomar un café nun bar. Quero volver á miña vida, que me gustaba ben. E mentres non chega, penso que xa levamos pasado o ecuador disto. E daquela non deixa de virme á cabeza aquela canción de Sash que tanto lle gusta(ba) á miña amiga Wane e o bo rollo que nos daba. Pois iso, «Ecuador, pipa pariba riba pipa». ¡Ánimo, que queda menos! E ánimo, sobre todo, para os enfermos e as súas familias.