Unha herdanza cultural que debemos defender

Manel Rodríguez FIRMA INVITADA

OURENSE

Agostiño Iglesias

28 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Onoso Cineclube Padre Feijoo chegou aos 50 anos, a carón doutras onomásticas estupendas coma o centenario da Xeración Nós, os 40 anos de Sarabela ou os 25 da Fundación Vicente Risco ou do Festival de Cine: exemplos de supervivencia cultural nesta cidade e dunha herdanza que debemos defender, malgré tout.

O cinema leva décadas experimentando cambios, crises, competencias, etcétera, pero aí continúa, en varios universos e formatos; segue a convocar o interese e o corazón da xente de Ourense. Cómpre lembrar os inicios do cineclubismo previo cos colectivos Ourense e Miño, o impacto daquelas gloriosas Xornadas de Cine dos anos 70, os periplos por distintas salas até recalar en 1977 no salón da Casa da Cultura da rúa Concello, onde seguimos e onde gardamos a memoria destas cinco décadas con moitos asociados que aínda nos acompañan con regularidade: unha proba indiscutible de que o amor pola pantalla grande e a versión orixinal subtitulada permanece e mesmo atravesa xeracións nunha mesma familia.

Nacer na Escola Normal de Maxisterio marcounos para sempre coa mesma intensidade que a convivencia de máis de 40 anos coa Biblioteca Pública: a acción voluntaria do cineclubismo, puro activismo comprometido na estrea de filmes que teñen difícil difusión na grella comercial, de obras mergulladas nas sombras do esquecemento ou mesmo de proxectos feitos na nosa contorna que tamén hai que apoiar e iluminar, coa enerxía que puido consolidar colaboracións coma os ciclos anuais feitos co Museo Etnolóxico de Ribadavia, co Colexio de Médicos, co OUFF ou co Amal, o Cinema de Verán, os Luns de Filmoteca do CGAI, as Primaveras Musicais e outras cooperacións puntuais e máis discretas pero igual de importantes na formación das vindeiras audiencias (coa Escola de Idiomas, con aulas de Primaria e con distintas asociacións da cidade).

O sábado 19 celebramos un acto de agradecemento ás nosas directivas e colaboradores históricos, nunha convocatoria reducida polas circunstancias da COVID-19, pero que logrou xuntar a varios dos protagonistas destas 5 décadas: alí estiveron Segismundo Bobillo, David Cortón, Xosé Paz, Xosé Lois Carrión, Maite Ansias, Maribel Outeiriño, Pura Veiga e Henrique Torreiro, e na distancia os irmáns Fernández Senra, Luis Álvarez Pousa, César Silva, Alfonso Sánchez Izquierdo, Manuel Ayán, Alberto Llorente, Xaquin Vélez, Fosco Blanco e Miguel Freire, sen esquecermos a lembranza a Emilio Losada, Ramón Acuña, Eloy Lozano, Marcos Valcárcel e Ruco Lezcano.

O ciclo «50 anos / 50 filmes» que o Cineclube iniciou estes días é un agasallo lanzado ao tempo, nun xesto de amor puro que nos reconecta con aqueles principios, grises e sen liberdade, nos que o tesón heroico dos seus membros iluminou a cidade durante anos con beleza, independencia política e compromiso social nun ronsel no que a súa actual directiva segue a funcionar como auténticos fogueiros, mantendo a calor e o agarimo polo cinema na cidade. Presidida dende hai máis de dez anos por Manuel Precedo, esta directiva está conformada por Fernanda Barros, Gael Carballo, Iñaki Novoa, Óscar Iglesias, Marisa Gamallo, Olalla Soutullo e Suso Precedo.

Hai anos relataba un asociado que nunha viaxe tivera a oportunidade de visionar o primeiro filme rodado en Burkina Faso na Filmoteca de Montreal: o cineclube xa pasara A avoa de Idrissa Ouedraogo o 23 de xaneiro de 1992. Un traballo de programación sempre excepcional e discreto, que nos agasallou e agasalla experiencias maravillosas nunha cidade pequena que estima estas oportunidades.

Non hai dúbida de que na nosa cidade a política cultural vive tempos escuros, e de que sufrimos puro infortunio con cada goberno municipal, pero o noso camiño é visible: seguir dando luz a máis de cen filmes ao ano nesa nosa pantalla, pantalla amiga, dispoñible para todos no edificio que ten que seguir sendo a Casa da Cultura, infraestrutura para cuxo fin cultural doou o terreo a Caixa de Aforros e foi construída polo Ministerio de Cultura.

Manel Rodríguez é o vicepresidente do Cineclube Padre Feijoo