Xulio Fernández Senra, coordinador das Xornadas de Folclore: «Todos os pobos teñen o seu corazón»

Paula P. Ferreira, R.N.P OURENSE

OURENSE

Xulio Fernández Senra
Xulio Fernández Senra Santi M. Amil

O Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo trae de volta o maior espectáculo de danzas do mundo da provincia de Ourense

10 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A pandemia foi un impedimento para as Xornadas de Folclore. Mais este ano regresan con máis forza que nunca. O coordinador destes espectáculos, Xulio Fernández Senra, admitiu estar moi orgulloso de poder recuperar esta emblemática cita nas vilas cabeceira de Ourense.

—Como se organizan os espectáculos destas xornadas?

—Nós traballamos co coñecido, coméntannos as datas, buscamos os festivais nos que participan os grupos que nos gustan para encaixar todo. Estiven indo a Portugal para ver o espectáculo de cada grupo e seleccionar o que máis me interesaba para por aquí en escena. Este ano partimos practicamente de cero, pero cumprimos as expectativas e os participantes teñen un nivel moi alto de calidade. Tamén facemos unha produción cun equipo de luz e son co que levamos traballando moitos anos.

—Resultou complicado deseñar o programa deste ano?

—Foi complicado por unha cuestión. Nós non lle pagamos a viaxe. Nós facemos o convite a través da Unesco e eles teñen que buscar a canle de financiamento no seu país. Houbo varios grupos que quixemos convidar pero que non conseguiron do seu país o presuposto suficiente. Por iso foinos máis difícil que outros anos. Outros problemas coma o de Angola, que non lle deron o visado e tiveron que cancelar no último momento. Lanzamos un SOS a todos os contactos e conseguimos a un grupo de Timor, que tiña compromisos pero puidemos ir liberando case todos os seus días.

—Cales son os obxectivos destas Xornadas de Folclore?

—Xaquín Lorenzo dicía que se coñecemos a nosa cultura e idioma, aprenderemos a respectar e compartir con todas as culturas do mundo, en igualdade de condicións. E isto é o que pretendemos para os cidadáns da nosa provincia. Así poderán aprender que todos os pobos do mundo teñen a súa cultura, o seu propio corazón e non somos tan diferentes. Tamén queremos demostrar que a cultura de cada pobo ten potencial suficiente para configurar un espectáculo de alto nivel.

—Como cre que será a acollida por parte do público tras dous anos de parón?

—A expectativa en canto ao espectáculo é máxima, e en canto a público, polo que levo visto noutros espectáculos en Portugal e España, contamos con que sexa alta. Tamén esperamos recuperar as xornadas con máis ímpeto co que as deixamos. E máis despois da pandemia, que están proliferando moitas actividades deste tipo e a xente está ansiosa de moverse.