As mellores festas do mundo

Xosé M. Pacho SECCIÓN DE ULTRAMARINOS

OURENSE

Los pulpeiros de O Carballiño prepararon la tapa más grande del mundo
Los pulpeiros de O Carballiño prepararon la tapa más grande del mundo Alejando Camba

O outro día un amigo, Antonio, mandoume un vídeo para convencerme de que Nicolas Cage é un gran actor. A el gústalle Nicolas Cage e eu non consigo entendelo, porque a min ese actor paréceme o intérprete máis impostado, máis esaxerado do mundo Hollywood. Durante os máis de vinte minutos de duración do vídeo, eu preguntábame que necesidade tiña eu nun mes de agosto de escoitar o discurso xustificativo dun crítico da capacidade deste actor. Pero como aprecio o meu amigo, escoiteino. De feito, pensaba na película Adaptation, O ladrón de orquídeas, onde Cage facía de dous irmáns xemelgos, e por esa actuación, incomprensiblemente, foi nominado aos Oscar. E eu entendo. Daquela, o extraordinario director Spike Jonze era primo de Cage, entón non lle quedou outra que contratalo, e a única maneira que tiveron de que funcionase era que fixese eses dous papeis que conseguían disimular o seu histrionismo. E funcionou. Porque a clave é disimular.

E por iso de disimular, lembreime de Nicola Cage porque o outro día lía a noticia no xornal dun senador do PP, creo que se chama José Manuel, que foi condenado polo Tribunal Supremo por exceso de velocidade sendo presidente da Deputación e sendo fillo do presidente anterior, que lle parecía ben a nova candidata do PP a alcaldía de Ourense. Pobre candidata, porque con eses apoios, como se entere Jácome... E fíxome gracia, porque en Ourense, a clave é disimular. A ti te poden pillar a 215 quilómetros por hora e ser presidente da Deputación, pero ti non dimites. A ti te poden colocar como senador co mérito, imaxino, de ser o que propuxo que o edificio da deputación se convertese nun hotel balneario, e xa está. Pero ti o único que tes que facer é disimular. Se isto fose Brasil nos anos setenta podería pasar o que lle pasa ao personaxe de Wagner Moura na película que competiu nos Oscar, O axente segredo, pero este país, malia ao que lle pese algúns non é aquel. Afortunadamente.

Pero esa é a clave: disimular. O outro día, outra pobre política de Madrid, Isabel creo que se chama, e que por certo é presidenta, preguntáronlle pola polémica de que a Comunidade comprara un ático para que vivisen alí, agora que a súa parella vendeu o sitio onde vivían, e ela dixo que non tiña a menor idea. Normal. Que vai dicir? Que si sabía? Non, claro que non. A cousa é disimular. Ademais en agosto, todo o mundo que pode está na praia, e o resto na aldea, se ten. Non hai máis. Así que que importa o que se diga e o que se faga. O importante é o mundial e o eclipse, e na nosa provincia, as festas.

E se falamos de festas, temos que falar da festa do Polbo do Carballiño, que é unha das máis importantes. Eles chámanlle a festa do pulpo porque se falan de polvos ninguén entende. Polo menos alí. E como van tantos turistas, non queren equívocos. A min o que me fascina é o da tapa máis grande do mundo. Todos os anos deciden facer a tapa máis grande do mundo. E todos os anos baten o récord eles mesmos. Imaxino que eles esperan un gran competencia con Nova York, con París, con Tokio, ou aínda que sexa con Vigo, pero incomprensiblemente non compiten.

Por si acaso, no Orcellón este ano a tapa era de máis de seiscentos quilos. Imaxino que todos os anos seguirana facendo máis grande, pero eu creo que debían falar con alguén para aumentar a competencia. Cando estiven hai un par de anos en Corea descubrín que lle tiñan moito aprecio ao polbo e ata en Seoul podías atopar vendedores ambulantes de polbo. Se cadra, se convidan a xente de Goseong, Pohang e Shinan en Corea, onde fan festas do polbo, ou da illa de Himakajima, ou de Kashima ou Fukuoka, en Xapón seguro que tería máis gracia, porque a xente de México coa cantidade de emigración que foi alí, xa ven soa.

Pero hai máis festas en Ourense, e que ningún se enfade, porque seguro que me esquezo dalgunha. Tivemos a festa do pemento de Arnoia, do pemento de Oímbra, a festa da anguía en Castrelo de Miño, e a festas das sopas de burro canso en Muiños, a festa da Bica en Trives, do Chuletón en Maside, a festa da paella en Cortegada, a festa do porco ao espeto en A Merca, a do pan en Cea, a das covas en Vilamartín de Valdeorras. Agora chegará a festa gastronómica xuntanzas de Verán en Bande, e a festa medieval do leitón en Maceda, e a feta da tenreira en San Xoán de Río, e a Feira do viño de Monterrei, e a festa da empanada en Allariz e a festa da Istoria, que aínda que non é gastronómica, case que si. Non podemos queixarnos, temos unha provincia abandonada á súa sorte, pero coas mellores festas do mundo. E por riba, nesta semana, un eclipse. Que máis podemos pedir?