Allariz comeza o ciclo do pan coa sementeira de centeo en Queiroás

As actividades darán comezo ás 16.40 horas 

.

Hoxe • 16.30 horas • De balde • As primeiras choivas do outono foron providenciais para humedecer a terra; en particular a do eido de Queiroás da Igrexa (Allariz), onde esta tarde se celebra a festa da sementeira. É o inicio do ciclo do pan, que o Concello de Alllariz e os veciños de Queiroás da Igrexa celebran ao xeito tradicional. É unha das festas etnográficas que culminarán no verán coa seitura e a malla, ás que seguen a moenda e a fornada.

Hoxe é o principio. Explica Xosé Manuel González, da oficina de turismo de Allariz, que a sementeira faise sobre un terreo labrado, cun burro -outros anos fíxose con vacas- e cun arado prepárase o rego, no que unha persoas que leva o gran nun cesto vai botando, en ringleiras, as sementes.

O que se sementará hoxe e centeo do país. Fóronse gardando sementes do ano anterior e mellorando, co que se obtén unha espiga «forte, dura e alta, que produce bastante», di o técnico. A xente maior de Queiroás axudou nos inicios, e nos últimos tempos sumouse xente nova a través do grupo Espiga Mallada, conta Xosé Manuel González. As actividades do ciclo do pan, e concretamente a sementeira de hoxe, adoitan atraer non só aos veciños da zona senón tamén a visitantes que se atopan en Allariz e nunca viron como se facían estas labores ao xeito tradicional. Allariz foi pioneiro na recuperación festiva destas tradicións. Hai 17 anos comezaron coa festa da malla. Hoxe, despois de asucar (facer os regos), haberá un pincho para os asistentes.

Votación
1 votos
Comentarios

Allariz comeza o ciclo do pan coa sementeira de centeo en Queiroás