Carmen Sampedro, panadeira de Avión de 91 anos: «Levantábame antes de nacer o sol e traballaba ata que se facía de noite»
AVIÓN
A ourensá acaba de sumarse ao proxecto «Sabedoras: Cociñas e cociñeiras memorables do Ribeiro-O Carballiño»
18 may 2026 . Actualizado a las 15:47 h.Carmen Sampedro Fernández (Avión, 1935) é unha desas mulleres que sosteñen a unha familia sen facer ruído. Acaba de sumarse ao proxecto Sabedoras: Cociñas e cociñeiras memorables do Ribeiro-O Carballiño, como unha das gardiás do legado culinario da comarca. Trátase dunha iniciativa que recoñece a figuras que preservaron, coas súas mans e esforzo cotián, a identidade gastronómica da súa terra.
Carmen naceu o 6 de xaneiro, día de Reis, de 1935 e ten 91 anos. Creceu no Avión rural da posguerra, traballando desde pequena no campo. «Ía polas veigas», explica para resumir unha infancia marcada polas tarefas agrícolas e por un estilo de vida no que todos colaboraban desde moi mozos. Con vinte anos emigrou ao Uruguai. A posibilidade inicial era Cuba, puntualiza, pero ela non quixo ir alí. Partiu soa, aínda que en realidade a viaxe estaba vinculada ao que acabaría sendo o seu marido, Alfredo. El xa se atopaba alí e a relación levaba tempo encamiñada cara ao matrimonio. Carmen explícao de forma directa, lembrando como moitas mulleres quedaban entón en Galicia mentres os seus cónxuxes partían a América e, a miúdo, nin regresaban nin enviaban sustento. E, como engade, deixaban ás súas nais ao coidado delas. Ela non quería esa situación: «Se me deixades ir, vou. Se non, casar tampouco. Non me caso», lembra que dixo entón.
Ao chegar ao Uruguai instalouse con familiares. Apenas tivo tempo para adaptarse: chegou un sábado, o domingo preparáronlle unha festa de benvida e o martes xa estaba empregada. Comezou traballando en varias casas particulares e así pasaron varios anos. Casou con 23 e no país suramericano naceron os seus tres fillos: Miguel, Raúl e Isabel.
Foi tamén alí onde tivo o primeiro contacto co oficio de panadeira. Nunha das vivendas nas que serviu había un obrador. Os propietarios eran asturianos e Carmen observaba cada día como elaboraban o produto e a repostaría. «Eu era unha cheirona e ía mirar como facían os doces», conta. Vixiaba como preparaban as masas, como facían os pasteis e, pouco a pouco, acabou axudando en pequenas tarefas. Aquela experiencia serviulle tralo seu retorno a Galicia.
A volta á terra chegou a mediados dos anos 70, nun momento no que moitos emigrantes emprendían o camiño de regreso a casa. Explica que, aínda que había emprego no Uruguai, a devaluación da moeda e as limitadas posibilidades económicas empuxaron a moitos a volver. O seu marido tamén quixo retornar e toda a familia regresou a Avión.
Enseguida se fixeron cargo dun despacho de pan cuxos donos, maiores, estaban enfermos. Carmen e o seu esposo colleron o traspaso e comezaron entón unha etapa laboral que ocuparía practicamente toda a súa vida. O negocio funcionaba entón dunha forma moi distinta á actual, sen horarios definidos nin apenas descanso. «Levantábame antes de nacer o sol e traballaba ata que se facía de noite», relata ao lembrar aquelas xornadas maratonianas. Forneaban pezas de pan e empanadas que repartían polas aldeas de arredor, logrando en pouco tempo moita fama na zona. Durante anos, a distribución formou parte da rutina diaria, chegando a case todos os núcleos do municipio. Gústalle lembrar que as condicións de antes eran moito máis duras; os cortes de luz eran frecuentes e obrigaban, en moitas ocasións, a amasar manualmente. A actividade sempre foi familiar: primeiro foi a parella e despois os seus fillos. Miguel empezou moi novo, acompañando ao seu pai no reparto incluso antes de ter carné de conducir. Máis adiante incorporouse Raúl. Isabel, aínda que coñece perfectamente o oficio por terse criado entre fariñas, decidiu non continuar. Hoxe tamén forman parte do negocio as súas dúas noras. Tras máis de medio século dedicada ao sector, cando se lle pregunta que consello daría á xuventude, Carmen Sampedro nin o pensa: «Que se porten ben e que aforren cartos». Dío co mesmo sentido común e humor cos que afrontou toda a súa vida.
Mantivo a súa actividade no único obrador do municipio ata os 88 años
Tal é a fama do traballo que realizaba, que a panadaría non ten nin un cartel por fóra. Todos en Avión saben que é a de Carmen e hoxe a única que existe no municipio. Ela relata con orgullo como a xente segue buscando o pan máis tradicional e non noutros comercios.
«Non me quixen xubilar», admite. E é que ata hai apenas tres anos seguía acudindo á panadaría tódolos días. Recoñece que había un motivo emocional para continuar: quería asegurarse de que permanecía na familia. Iso si, cando o deixou foi de verdade. «Agora non me gusta moito ir ao obrador, o negocio é deles», explica. Aínda que vive máis tranquila, di que precisa seguir activa. A súa xubilación non se parece demasiado a unha retirada completa. Levántase cando quere, aínda que bromea con que non demasiado tarde, coida das galiñas e atende a horta: «Pasear non me gusta; traballar, si». Ten cinco netos e dous bisnetos. E non parece que as novas xeracións vaian continuar coa panadaría. Aínda así, faille graza que unha das súas netas teña boa man para as empanadas. Quen sabe.