En Ourense hai aproximadamente 13.000 diabéticos sen diagnosticar

La Voz

BANDE

Santi M. Amil

O Día Mundial da Diabetes conmemorouse con mesas informativas, na rúa e no hospital

14 nov 2018 . Actualizado a las 20:20 h.

Coincidindo coa celebración do Día Mundial da Diabete o Servizo de Endocrinoloxía do CHUO, en colaboración coas asociacións Anedia (Asociación de Nenas, Nenos e Xente nova con Diabete de Galicia) e a Fundación Diabete Cero (Movemento de pais de nenos con diabete e adultos que loitan pola investigación) instalaron unha mesa informativa na entrada do edificio Santa María Nai, onde ademais de dar orientación e consello realizáronse probas de glucosa. Pola mesa informativa pasaron ao redor de 200 persoas e moitas delas realizáronse unha proba de glucemia capilar, que permite medir a presenza de glucosa na sangue mediante un pequeno pinchazo no dedo. Delas, alo menos unhas cinco persoas deron un resultado que indica a necesidade de completar seu estudo, ben para confirmar un diagnóstico de diabete ou para axustar seu tratamento.

A diabete afecta sen distinción de idade ou sexo, pero é cada día máis frecuente nos países desenvolvidos debido, en gran parte a extensión do sedentarismo e a obesidade, ou sobrepeso, directamente relacionada coa aparición da diabete. Nesta edición o día mundial pon o acento na importancia do apoio familiar e social aos afectados, núcleo de apoio básico que contribúe ao seu mellor control e resultados de saúde.

Concepción Bande, enfermeira especializada na formación do paciente de diabete, e responsable da escola de pacientes do Servizo de Endocrinoloxía, destacou a importancia do diagnóstico precoz e a prevención, especialmente no caso da diabete tipo II, a forma mais frecuente desta enfermidade, que afecta especialmente ás persoas maiores de 60 anos, pero que se pode dar a partir dos 40, polo que recomenda seguir os consellos dos profesionais de atención primaria, realizando unha analítica de control, especialmente se contan con antecedentes familiares.

A diabete tipo I é típica de nenos e mozos, podendo manterse silente e sin signos ata idade adulta, causando un lento deterioro do control metabólico, que pode afectar gravemente á saúde, causando danos ao corazón, riles, ollos, ou aosistema nervioso polo que é clave poñerse en tratamento, na actualidade de gran efectividade, permitindo ao paciente levar unha vida saudable e activa.

Recentes estudos realizados no noso pais detectan unha prevalenza global de diabetes que oscila entre o 8% e o 15 % da poboación adulta. Estimándose que padecen Diabete tipo II ao redor de 5.301.314 adultos e 29.000 menores de 15 anos, de tipo I. No caso dos adultos, ao redor dun 43 % poderían estar sen diagnosticar e por tanto permanecen sen tratamento. Esta porcentaxe diminúe en Galicia, xa que nun estudo realizado a nivel autonómico determinouse nun 33 %, o que segundo o xefe de servizo de Endocrinoloxía, Jose Antonio Mato, reflicte o bo funcionamento na detección primaria que se realiza desde os Centros de Saúde.

Preto de 40.000 en Ourense

Segundo estes estudos, na nosa provincia poderían padecer diabete máis 39.000 persoas, ou o que o mesmo o 14 % da poboación maior de 15 anos. A prevalencia aumenta progresivamente coa idade, ata chegar ao 30 %, no caso dos maiores de 70, o que en Ourense supón preto de 23.000 persoas afectadas. De todas elas, pese ao aumento dos programas de control e seguimento, ademais dunha maior coordinación entre atención primaria e hospitalaria, considérase que 13.000 poden estar sen diagnosticar na provincia.

Desde o punto de vista asistencial, o Servizo de Endocrinoloxía do Hospital Universitario de Ourense, de referencia provincial, diagnostica ao redor de 150 novos casos anuais de de tipo I e sobre 2.000 de tipo II, aos que habería que engadir a todos aqueles pacientes diagnósticados directamente desde Atención Primaria e Pediatría.

Para Concepción Bande, que leva anos formando a pacientes para controlar súa enfermidade, a primeira medida para evitar a diabete é evitar o sobrepeso e a obesidade, presente no 80% dos diabéticos tipo II. Para Bande, se queremos evitar ou retrasar o desenvolvemento dunha diabetes é clave levar unha vida sana, cunha alimentación sana e equilibrada, seguindo unha dieta mediterranea, con abundancia de froitas, verduras e peixe e practicando unha actividade física regular.

A Asociación Diabética Auria tamén conmemorou o día mundial da enfermidade con información e concienciación. Instalou un posto na rúa do Paseo onde deron a coñecer o traballo da asociación e onde foi posible medir a glucosa e a tensión ocular. Estiveron acompañados por voluntarios da Cruz Vermella. Xa pola tarde organizou unha andaina reivindicativa, portando unha pancarta desde o Paseo ata o parque Ribeiriño, xunto a ponte Romana, que se iluminou de azul polo día da enfermidade. Alí leron un manifesto e realizaron unha solta de globos.

A Asociación Diabética Auria estará presente en Sportur, a feira do deporte que se celebra en Expourense, cun expositor informativo. E o domingo, na carreira de San Martiño, instalaran dúas mesas para distribuir auga e suplementos alimenticios a corredores con diabetes. Estarán na rúa do Paseo e na ponte Nova.