Bande agranda o seu historial no certame galego de relato oral

M. Rodríguez OURENSE

BANDE

Santi M. Amil

Alexis Álvarez Salgado, alumno de 4º de ESO do IES Aquis Querquernis, gañou o certame de relato oral Tíralle da Lingua

15 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O IES Aquis Querquernis de Bande segue a agrandar o seu palmarés no certame de relato oral en galego Tíralle da Lingua, que convoca a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG). Esta edición, a decimo novena, non puido ser presencial a causa da pandemia e os participantes subiron os traballos á web da AS-PG. O alumno de 4º de ESO do instituto banduense Alexis Álvarez Salgado foi o gañador na categoría de segundo ciclo de ESO e ensino postobrigatorio. Alexis Álvarez adaptou o conto «Xente de mala morte», de Alfonso Álvarez Cáccamo. Natural de Entrimo, de 17 anos e galegofalante, Alexis conta que preparou a súa intervención dous días antes da gravación. Desbotou outra historia coa que non se sentía representado e escolleu a de Álvarez Cáccamo logo de ler o libro homónimo. O alumno di que se encontrou «bastante tranquilo» na representación, que durou algo máis de tres minutos. O xurado formado por Isabel Risco, Pedro Brandariz e Antón Laxe elixiu a súa interpretación como a mellor das presentadas. Un éxito máis para o IES de Bande que leva oito anos participando no certame e sempre gañou, di o profesor Xoán Carlos Domínguez.