A compañia de Barbadás estreará en maio a obra «Entre aceite e auga»
22 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Andrés Rodríguez Yáñez é o director e dramaturgo de The Sastre, unha compañía de teatro afeccionado de Barbadás que leva anos facendo da escena un espazo de encontro, creación e compromiso. A historia deste colectivo remóntase ao ano 2010, cando se constituíu formalmente como agrupación amateur. Porén, a súa orixe está nun proxecto anterior, nunha escola de teatro creada en 1995. A evolución cara a unha compañía estruturada responde, segundo explica o director, á necesidade de profesionalizar certos aspectos organizativos: rexistro legal, posibilidade de actuar en circuítos e acceso a novos escenarios.
Na actualidade, The Sastre está composto por nove integrantes: cinco intérpretes e catro técnicos que se encargan de áreas como o vestiario ou a escenografía. Eles son, ademais do director, Rubén Pena, Sofia Añel, Cristina Pereira, María Otero, Alexia Iglesias, Fran Piñeiro, David Sánchez, Merche Álvarez e Ana Sotelo. Todos eles compaxinan esta actividade con outras profesións —no caso de Andrés, a docencia—, o que non impide que manteñan un alto nivel de implicación. O motor, di, é claro: o amor polo teatro.
O proceso creativo dentro do grupo é profundamente colaborativo. A partir dunha idea inicial, o director propón unha liña de traballo que se vai enriquecendo coas achegas do resto do equipo. Nas primeiras lecturas xa aparecen modificacións, axustes e propostas que buscan facer o texto máis accesible e atractivo para o público. A experiencia compartida ao longo dos anos tamén xoga un papel clave, pois permite coñecer as fortalezas de cada membro e adaptar as pezas ás súas capacidades interpretativas. En canto ao repertorio, a compañía céntrase nas creacións propias e, actualmente, a comedia ocupa un lugar central das obras. Este xénero, segundo recoñecen, está a abrirlles máis portas e permítelles conectar cun público máis amplo. Un dos fitos recentes máis destacados é o nomeamento ós premios Juan Mayorga na categoría de mellor obra en lingua non castelá por E-Mérito. Un recoñecemento que reforza a traxectoria do grupo e a súa aposta por contidos de calidade.
No que respecta á súa actividade actual, The Sastre mantén varias obras en cartel. Entre elas destaca, ademais da sinalada, Deus non quere calderilla, outra proposta coa que percorren diferentes escenarios. O grupo prepara unha nova estrea: Entre aceite e auga, que verá a luz o vindeiro 8 de maio no Auditorio Manuel María de Barbadás, consolidando así unha tempada especialmente activa. A pesar de seren unha compañía afeccionada, o seu funcionamento é moi rigoroso: ensaios constantes, responsabilidade coas actuacións e unha clara vocación artística. Non buscan dar o salto ao ámbito profesional, conscientes das esixencias que iso suporía, pero tampouco renuncian á seriedade no seu traballo. A estabilidade do grupo é outro dos seus sinais de identidade. A maioría dos membros levan anos formando parte do proxecto, con poucas incorporacións ao longo do tempo, salvo casos excepcionais. Isto xera unha forte cohesión interna, aínda que supón un reto á hora de integrar novas persoas procedentes da escola de teatro.