Cando o sentimento pode ao medo

La Voz OURENSE / LA VOZ

CARTELLE

MIGUEL VILLAR

O catálogo da mostra das imaxes de Carlos Velo lembra a súa viaxe a Cartelle

21 nov 2017 . Actualizado a las 17:31 h.

Carlos Velo (Cartelle, 1909 - México D. F. 1988) retornou ao seu pobo en 1967 e naquela viaxe realizou unha reportaxe fotográfica que, medio século despois, permañecía inédita no seu conxunto. Algunha das imaxes, escasas, tiña aparecido nalgunha publicación mais o material ficaba no legado do director de cine á espera de ser rescatado do esquecemento para ser amosado en público.

Dese pouco máis de medio cento de imaxes proceden as corenta e dúas fotografías que forman a exposición Carlos Velo. A volta a Cartelle que se amosa no Centro Cultural Marcos Valcárcel ata o vindeiro domingo -día 26 de novembro-. O proxecto foi inaugurado o pasado 28 de outubro e onte procedeuse á presentación do catálogo nun acto, desenvolvido na propia sala na que se amosan as obras, no que participaron a presidenta da Fundación Carlos Velo, Carmen Leyte; o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; o alcalde de Cartelle, Jaime Sousa; e os vogais da entidade que leva o nome do director Daniel Fernández e Antonio Piñeiro.

 

A edición do catálogo correu a cargo do comisario da mostra, Xosé Enrique Acuña, e no seu texto O exiliado retorna á terra. Carlos Velo en Cartelle lembra o escenario en que se produciu a visita do realizador a Ourense. Vencellado aos movementos antifranquistas, a proxectos culturais como Vieiros e a posicionamentos como os que rexeitaban o encoro de Castrelo de Miño, o director ía viaxar a Francia en 1967 para presentar a súa película Pedro Páramo e daquela, nunha carta a Antón Alonso Pérez -secretario do Consello de Galiza- datada no 14 de marzo informao das súas intencións: «Seguramente irei a Francia no mes de maio e, se podo, darei un chouto a Ourense para ver os meus pais en terras de Cartelle». Sabía dos riscos que asumía, mais na súa vontade pesaba máis o desexo de abrazar a uns pais xa maiores aos que non vía dende había tres décadas.

 

 

 

Xosé Enrique Acuña inclúe no seu traballo para o catálogo, no que se reproducen as imaxes da exposición, documentación referida á actividade política e cultural de Velo no exilio, imaxes do director e mesmo material xa coñecido da colección de 1967.

Itinerancia da exposición e traballo para crear a casa-museo do director

Na presentación do catálogo da mostra «Carlos Velo. A volta a Cartelle» o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, lembrou que co seu traballo o director «fixo a súa viaxe de volta ás súas raíces e unha captura sentimental da súa aldea, da súa nenez e da súa xente». Carmen Leyte agradeceu o apoio do presidente da Deputación para a posta en marcha da fundación, referiuse ao feito de que xa pasaron pola mostra máis de mil persoas -«o que me congratula xa que Carlos Velo ten recoñecemento internacional pero, como tivo que exiliarse cedo, foi pouco coñecido entre nós»- e anunciou que a mostra percorrerá Galicia. Antonio Piñeiro tamén anunciou contactos para levala á Residencia de Estudiantes de Madrid. Pola súa banda Jaime Sousa agradeceu a Carmen Leyte a aposta que fixo para que o Concello mercase a casa de Velo e, ademais de referirse ao seu valor simbólico, desexou que «oxalá algún día se poida converter na súa casa-museo».