Castrelo de Miño

Xosé M. Rodríguez ANACOS

CASTRELO DE MIÑO

08 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O PP tivo todo o poder nunha das xoias da coroa do Ribeiro. Castrelo de Miño foi popular antes de que os tales existiran, daquela eran aliancistas, e non souberon aproveitar os potenciais que tiña o municipio con máis hectáreas amparadas na denominación de orixe Ribeiro e cun mar interior que berraba por que alguén lle botase man. Algo se fixo, máis ben pouco para o que podía ter sido.

Pasaron os anos, e as eleccións, e Castrelo de Miño rematou sendo gobernada polos nacionalistas e promovendo unha serie de iniciativas e proxectos que teñen sido recoñecidos e premiados en diferentes sectores: das experiencias en materia de viticultura aos galardóns polas actuacións en arquitectura e urbanismo. Coas súas luces e as súas sombras, como pasa sempre nestes casos, o municipio converteuse nunha das grandes referencias do Ribeiro.

O PP sempre tentou recuperar Castrelo de Miño e empregouse a fondo usando toda a munición ao seu dispor: dende entidades deportivas a derivar á outra beira do río, onde si gobernaban -e gobernan-, todo o que se puido en materia de aloxamentos de equipos deportivos, adestramentos e axudas. Coa mágoa que supuña ter que competir na zona do encoro de Castrelo, onde están as pistas homologadas -e non en Cenlle-.

O BNG perdeu poder en maio do 2019 e agora haberá moción de censura para riparlle a alcaldía aos nacionalistas. Estamos en campaña e ninguén quere falar diso por ser un tema incómodo, mais os silencios son evidentes. Con ser legal e totalmente lexítima, unha moción de censura baseada na traizón semella un camiño pouco ético.