O Concello editou unha obra coa escolma dos apodos identificatorios de moitas familias
07 feb 2019 . Actualizado a las 21:12 h.Os alcumes que identificaban, e aínda o fan, a moitos individuos e familias de Celanova e de Vilanova dos Infantes quedarán recollidos nun exemplar para que non se perdan co paso do tempo e da memoria das xentes. O volume, titulado «Alcumes de Celanova e verbas dos xingreiros», responde a escolma do traballo de varias persoas, nomeadamente José Antonio Fidalgo na parte de Celanova e de Eduardo Vázquez, Dardo, en Vilanova, segundo explica o responsable do departamento de cultura do Concello de Celanova, Antonio Piñeiro. A presentación será este xoves, 7 de febreiro, ás 19.00 horas na Casa dos Poetas.
Xa hai algún tempo que José Antonio Fidalgo deixara no Concello o material que tiña recopilado, alcumes e verbas da xerga dos músicos ou xingreiros, utilizada nas bandas de varias localidades da comarca da Terra de Celanova. Unha axuda da Secretaría Xeral de Política Lingüística permitiu publicar unha edición de medio milleiro de exemplares. Era unha explicación dos sobrenomes recollidos oralmente por Fidalgo e Dardo, aos que se lles engadiu un traballo introdutorio de Javier Gándara, titulado superior en Música e graduado en Historia da Arte. A segunda parte do libro dedícase á xerga gremial dos músicos de Celanova, ou verbo.
Antecedentes
«Esta vila é moi camanduleira, dígollo eu. (...) Eiquí todo cristo ten un alcume, unhas veces acaído e outras aldraxante, asegún a mala leite do alcumador», escribiu Celso Emilio Ferreiro, un dos primeiros que se ocupou de documentar este costume. En Vilanova, Luís Soto foi quen se encargou de resumir uns 200 que alí se usaban. A revista local Onde o mundo se chama Celanova publicara un texto en verso en 1999 recollendo grande parte dos alcumes da vila. Aí estaban Papa Fédelle o Cú, o Niní, o Castellano, o Carrafollas, o Cubanito, o Trompa, o Vinagre, o Barrote, o Vigairo, o Galo, o Fiscal ou o Ché. Tamén elas: Peineta, Cacharrita, Palaciega ou as Isoliñas. En Vilanova, tamén case todos os veciños, os de toda a vida, teñen o seu alcume vocativo: Carrollas, Parafusa, e moitos outros. Algúns soan mellor, Mona, Tristeza, pero outros poden ter algún tinte pexorativo -Merda de Can, Cagacordeles, Tirana- polo que se eliminaron referencias persoais. Con todo, son os nomes cos que aínda son coñecidos moitas familias, máis aló dos que figuren nos documentos.
Na presentación interviron José Antonio Fidalgo, Javier Gándara Feijoo e Antonio Piñeiro. A nota musical correu a cargo de Bem Leve