«Co libro quero facer unha homenaxe a Carlos Casares»

laura parada

LOBIOS

CEDIDA

O escritor de Lobios Suso Díaz publica «O sol dentro da cabeza», o seu segundo libro de poemas

04 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Suso Díaz presenta o seu segundo libro (hoxe, ás 20.30 horas no salón multiusos do concello de Lobios) un conxunto de 76 poemas creados a partir da obra narrativa de Carlos Casares. Un reto para o autor, que con «O sol dentro da cabeza», quere facer unha homenaxe ao escritor ourensán protagonista do Día das Letras.

-¿Como se inspirou na obra de Carlos Casares?

-Con este libro quería de algún xeito achegarme a esa poética que todos os autores levan, aínda que escriban narrativa ou calquera outro xénero. Ademais a obra narrativa de Casares era manexable nun tempo prudencial. Se fose unha obra moi extensa, sería moi difícil levalo a cabo en seis meses, que foron os que me levaron escribir o libro. Para min era un desafío que quería conseguir dende fai tempo.

-¿Por que elixiu este autor e non outros?

-Principalmente porque deixou un legado literario importantísimo e sempre estivo identificado coa lingua galega. Ademais o libro leva unha cita del que di: «Escribo cunha clara conciencia política contra o castelán», demostrando a súa gran defensa do uso do galego na literatura. Así mesmo tamén quería facerlle unha homenaxe para o Día das Letras Galegas deste ano. Pero houbo distintos problemas que provocaron que o libro non estivese listo para esa celebración do 17 de maio.

-¿Que é para vostede a poesía?

-Para min é a ferramenta coa que mellor podo expresar o meu pensamento, a miña voz interna. Esa necesidade de expresar o que levo dentro e que vou acumulando día a día. A poesía dáme unhas opcións que os outros xéneros non me ofrecen, ou nos que aínda non atopei esas posibilidades.

-¿Ten en mente, nun futuro, escribir outro libro, incluso de narrativa ou teatro?

-Non o sei, teño que empezar a probar. Teño a idea de facer algo en narrativa, en teatro quizais máis adiante; aínda non me sinto moi cómodo nese xénero. Aínda así, gustaríame emprender o proxecto dun guión para adaptar ao cine unha das obras fundamentais deste autor que para min é «O Sol do verán», que foi o último libro que publicou Casares; pero polo momento teño a necesidade de expresarme coa poesía.