Azúcar

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

MONTERREI

27 jul 2017 . Actualizado a las 08:51 h.

A doutora Luisa Valladares díxolle ao noso Paco Mariló que tiña o azúcar un pouco alto. A mala hora. Dende ese día funesto todo cambiou na cuadrilla. É un agobio constante. Se imos a un bar e nos poñen un pincho de deseño, o Mariló pregunta: «¿Non levará moito azúcar?». Os que non o coñecen miran con ollos perdidos. Os coñecidos botan a rir. Pero Paco non ri. Serio, nunca estivo tanto. El, amante da calor e dos meses cálidos (que casan cun branco ben frío), anda apesadumbrado polas rúas de Verín. El, que se burlou toda a vida das miñas múltiples e ficticias enfermidades, xa non me chama «hipocondríaco». El, o maior defensor dos viños brancos de Monterrei, empezou a beber tinto. Ningún da cuadrilla pode comprendelo. Cando eu pedía tinto, o Mariló botaba a rir: «Outro que pensa que o tinto baixa o colesterol, ja ja ja», dicíame con sorna. Se entramos a un bar e somos seis, el adiántase e di: «Cinco brancos de Monterrei e un tinto para o poeta, ja ja ja, que ten an-tio-xi-dan-tes». Eu sempre o tomei a broma. Paco ri, eu río. Pero agora non ri o noso Mariló. Ata comprou un aparello diminuto co que se pincha cando vai ao baño. Descubrino de casualidade este luns. Coincidimos no servizo e vin que estaba a mirar un artiluxio. «Que fas, Paco?». Non me contestou e saíu correndo do baño. Na terraza, sen querer, caeu o aparello do seu peto. Eu seguía sen saber qué era aquel dispositivo. Javier Ochoa, antes de que eu preguntase, interrogou: «Paco, ¿este monitor de glucosa es tuyo?». ¡Que palabras raras pronuncia o noso Javier! ¿Monitor de glucosa? Non son o único hipocondríaco da cuadrilla, pensei. E tamén pensei que algunha vez alguén nos dixo que o branco tiña máis azúcar có tinto.