O noso patrimonio na nosa retina

rebeca carreiro SUSTINEA

O CARBALLIÑO

PILI PROL

Sustinea propón recuperar aquelas parroquias e aldeas que forma parte da historia de cada un de nós

09 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe en día é moi habitual percorrer vilas e aldeas tragadas polas silvas, vendo o abandono de terras e casas que á vez leva implícito o propio abandono da súa xente. Non nos decatamos de que estamos deixando perder parte da nosa propia existencia ademais dun piar da nosa economía, forxa da nosa identidade, da nosa cultura e tradición e, en definitiva, o noso patrimonio. A palabra «patrimonio» vén do latín e significa todo aquilo que provén dos pais. Este, constitúe o testemuño do traballo e esforzo dos nosos devanceiros por dotarnos dun inxente legado, que abarca dende pazos, monumentos, obras artísticas, artes populares, ata símbolos e lendas, tradicións e costumes que fortalecen e reproducen a convivencia coma grupo ou comunidade chea de sentimentos de pertenza a unha terra rica e heteroxénea. Entón, por que deixalo perder no tempo?

Reflexionemos e pensemos que temos unha irrenunciable responsabilidade de protexer e manter a nosa herdanza e de ser portadores de cultura, así coma seguir transmitindo e impulsando tanto dentro coma fóra da nosa terra e mantendo no tempo coas xeracións futuras para que estas poidan entender a súa historia. Temos que darlle importancia a apreciar toda a riqueza, moito máis lonxe dunha cómoda mirada na que só vexamos edificios vellos legado do pasado ou un fastidio á hora de ter que responsabilizarnos de ter que arranxar un muíño legado dun lote adquirido nun reparto familiar.

A nosa herdanza está concibida coma a alma das aldeas que conforman Galicia, e nós podemos proxectalas, mostrando a nosa cultura, costumes, tradicións e as marabillosas paraxes que lle dan vida á nosa terra. Así, o patrimonio galego confórmase como un importante recurso cultural, social e económico, beneficioso para o desenvolvemento da sociedade onde se asenta. Sempre e cando estea integrado baixo unha política baseada nun desenvolvemento sustentable, xa que co paso do tempo xurdiu unha «industria do turismo» que moitas veces deixa de lado a conservación do patrimonio, dándolle máis importancia ao uso dos bens en cuestión. Hai que lograr un equilibrio entre o turismo e o patrimonio, aspirando a promover a toma de conciencia sobre a importancia de conservar e transmitir os legados dos nosos pobos. Aínda non é tarde para volvernos unha comunidade patrimonialista, onde uns dos nosos principais obxectivos sexa conservar, defender e impulsar o patrimonio, indagando máis en coñecementos, actividades e expresións da nosa historia, as transformacións sufridas, os costumes e o saber popular que aínda permanece. Todo este reflexo de unión achegaranos a información básica e necesaria para comprender a situación na que nos atopamos e a importancia da súa conservación, mostrándonos ao mesmo tempo recursos e exemplos da capacidade para vivir en coherencia e harmonía co medio.

Un exemplo claro de todo isto e como referente do patrimonio galego é Cabanelas e Pazos de Arenteiro no val que conforman o río Avia e Arenteiro entre os concellos de Carballiño e Boborás, un lugar pequeno a simple vista pero moi grande histórica e culturalmente.

Está situado en pleno corazón da comarca do Carballiño. Foron vilas importantes, non só en número de habitantes, senón pola súa importancia estratéxica. A xente vivía do viño, facíano de forma cooperativa, sempre axudándose uns outros e chegábase a exportar xa dende o século XIX a Francia e Inglaterra saíndo da comarca polo camiño dos arrieiros cara Pontevedra. Os máis novos quedabamos abraiados cando escoitabamos ós avós contando historias antigas da vila sentíndose moi orgullosos dela pero, que aconteceu? Co paso do tempo a xente maior foi morrendo e a xente nova marchou do lugar para ir vivir á cidade en busca de traballo e novas formas de vida. Hoxe Cabanelas segue sendo un lugar pequeno, pero aínda máis pequeno, xa que case non queda xente e a pouca que hai é moi maior. Intentan manter un pouco todo o de antes, e non queren resignarse a que a súa aldea esmoreza día a día. Agora converteuse nunha vila museo, onde a xente que vai de visita queda abraiada coa forma de vivir, traballar, falar e coa boa vontade dos habitantes que a cada persoa que por alí pasa, dinlle «que pracer dá ver xente polas rúas, a ver se vindes máis a miúdo que isto quedou un pouco morto». Esta vila posúe un enorme patrimonio non só cultural, ambiental ou etnográfico senón humano, que seguen loitando por non deixar que a súa historia se perda. Intentan rehabilitar casas, recuperar labores, tradicións, costumes, pero é duro e aínda así mantéñense. A historia é o resultado do labor dun pobo que se enfronta no tempo aos máis diversos retos para a súa propia existencia, permanencia e reprodución. Esta historia xera unha cultura nun tempo e espazo determinado, onde á vez, a historia e a cultura xeran unha identidade, que nos cohesiona e nos une, que é a identidade cultural. Por iso sempre se dixo que un pobo, nación ou comunidade que conserva, protexe e defende a súa identidade cultural, é un pobo que coñece a súa historia, que é consciente do seu presente e que ten todo o poder de pensar, reflexionar e soñar co seu futuro.

Unha ruta por Pazos de Arenteiro e polo fermoso pobo de Cabanelas no Carballiño

O próximo día 6 de maio realizaremos un roteiro interpretado dende a localidade de Moldes ata Pazos de Arenteiro pasando polo fermoso pobo de Cabanelas, no concello de O Carballiño. O roteiro de cinco quilómetros, moi doado de facer, achegaranos ao mundo do viño e a súa importancia na economía local. Alí teremos a oportunidade de ver o rico patrimonio arquitectónico dos máis de dez pazos que regan este val e coñeceremos a importancia da encomenda de Pazos de Arenteiro.

¿Que é Sustinea?

Sustinea é unha asociación medioambiental que traballamos en prol ao desenvolvemento sostible. Facémolo mediante proxectos de desenvolvemento rural, programas de educación ambiental e estudando o noso medio para buscar solucións ás súas problemáticas.

Ao longo de todo o ano levamos a cabo diversas actividades en distintos puntos da provincia ourensán que van dende voluntariado ambiental, campos de traballo, campañas de sensibilización, actividades en familias, rutas temáticas, campamentos ambientais, intercambios xuvenís europeos, estudos de fauna e flora a servizo de voluntariado europeo. A todo isto hai que engadir outros proxectos que sempre teñen que ver co coidado medioambiental e coa posta en valor da natureza. Podes coñecernos mellor na nosa web e no noso Facebook.

 

Máis información www.sustinea.com