«Aproveitei pezas da miña escultura maldita de Prieto Nespereira para esta exposición»

O CARBALLIÑO

jacobo ameneiro

O arquitecto carballiñés amosa na galería coruñesa Bomoble o proxecto «Psicometrías»

21 sep 2017 . Actualizado a las 11:52 h.

Na galería Bomoble, da cidade vella de A Coruña -Rúa do Rosario, 11-, inaugurou na noite do venres a exposición «Psicometrías» o arquitecto e artista carballiñés Fernando Blanco Guerra. O seu amigo Felipe Senén López Gómez, veciño en A Coruña e no Carballiño, foi o encargado de presentar a mostra. Fernando Blanco, que hoxe cumpre 70 anos, compaxina a súa faceta profesional coa pintura, a escultura e o deseño. Na actualidade participa nunha colectiva vencellada ao Camiño de Santiago e unha peza súa integra a mostra «Da árbore á cadeira», que se pode ver no Gaiás.

-Como naceu esta nova proposta artística?

-De casualidade. A Coruña desenvolveu unha iniciativa moi interesante, «Estudios abertos», para coñecer a maneira de traballar dos artistas. Iso favoreceu visitas, intercambios e tamén fomentou propostas de colaboración. De feito o meu estudio e a galería somos veciños da cidade vella e deste coñecemento naceu o proxecto.

-Volve apostar pola pintura?

-Maioritariamente si, aínda que tamén inclúe «Psicometrías» unha escultura de referencia que conta con moito significado e xa foi obxecto dalgúns encargos. Este proxecto incide no meu estilo creativo, son traballos de expresionismo abstracto, e como novidade hai algunha proposta sobre pladur, co cal é unha visión que se achega máis ao que é o mural.

-A escultura ten un significado especial para vostede.

-A peza, á que lle chamei «Fragmentos» garda esa singularidade pola orixe dos seus materiais. Aproveitei pezas da miña escultura maldita de Julio Prieto Nespereira para esta exposición. Os fragmentos metálicos, que se poden combinar para crear obras diferentes, proceden daquel traballo.

-Por que a define como maldita?

-Por tratarse dun proxecto frustrado. Iso ía ser un aparcamento público, o que figura nesa promoción de vivendas do casco histórico de Ourense, e ao non ser así a xente non pode entrar e ver as múltiples perspectivas e visións que hai baixo o chan. Só se poden ver as pezas de cor que saen á superficie, pero non a composición que existe dentro, que cambia desde cada praza de aparcamento. E son tres plantas baixo terra.

-A súa escultura pública non tivo moita sorte.

-Non. Derrubaron a árbore metálica do Carballiño e a escultura conmemorativa do Parlamento de Galicia. No caso do Campus de Ourense xa trasladei as miñas queixas e estou agardando a que remate o edificio do Campus da Auga para poder acometer as melloras que prantexei para recuperar o Monumento á Xeración Nós, que perdeu a súa concepción orixinal.