Os Arenteira premian a traxectoria de Roberto Pascual e Manuel Blanco

La Voz OURENSE / LA VOZ

O CARBALLIÑO

Álvaro Vaquero

Os galardóns do Aparthotel Arenteiro lembraron, a título póstumo, ao frade Damián Yáñez Neira

25 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O Aparthotel Arenteiro e o Centro de Estudios Chamoso Lamas da Comarca do Carballiño apostaron no seu día por crear uns galardóns que tiñan un obxectivo perfectamente definido: recoñecer e salientar o labor das persoas, entidades e institucións nos ámbitos da cultura e do deporte das comarcas do Carballiño e O Ribeiro. Unha proposta inicial á que, co paso do tempo, se lle sumou logo un terceiro apartado para conceder un galardón a título póstumo.

O proxecto naceu cun valor engadido, como foi o de implicar aos centros educativos do occidente ourensán para que aportasen as súas propostas e contribuisen á elección dos galardoados.

A sexta edición dos Arenteira celebrouse onte no salón de actos do Aparthotel Arenteiro e contou cuns protagonistas con nome propio: Roberto Pascual -director da Mostra de Ribadavia-, Manuel Blanco -pola súa faceta como deportista- e Frei Damián Yáñez Neira -a título póstumo-. Por parte dos organizadores a representación na entrega dos galardóns estivo a cargo de Uriel Bernárdez, do Aparthotel Arenteiro, e Xosé Luis Sobrado, do Chamoso Lamas.

Teatro e deporte

O xurado que concedeu os premios salientou a unanimidade dos votos na valoración dos candidatos, como se lembrou onte na lectura do acordo. De Roberto Pascual lembrouse a súa condición de licenciado en Filoloxía Galega pola USC e o seu posgrao en Arte Dramática pola mesma universidade. Foi actor en varios espectáculos da Aula de Teatro da USC, exerceu de crítico, desenvolveu traballos de investigación escénica e ten publicado en revistas e publicacións monográficas. O carballiñés é na actualidade profesor da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia.

Manuel Blanco foi promotor, dende a súa mocidade, de numerosas iniciativas culturais e deportivas, segundo se salientou onte na entrega dos Arenteira. Foi piloto de automobilismo, membro da Escudería Carballiño e organizador de diversas probas. Xogou ao tenis e promoveu campeonatos deste deporte na vila, ademais de formar parte dun dos equipos históricos do fútbol sala carballiñés. A súa faceta máis coñecida está vencellada ao baloncesto, xa que como responsable do clube local conseguiu que O Carballiño tivese un equipo na categoría nacional. Na actualidade practica o golf.

Nesta sexta edición, o Arenteira a título póstumo recoñeceu o traballo de Damián Yáñez Neira. Participou na restauración do mosteiro cisterciense de Oseira, foi durante décadas o seu bibliotecario -chegando a crear unha importante e valiosa colección na abadía das terras de Cea-, autor de moitos traballos de investigación e organizador de congresos sobre o Císter.