O Xociviga do Carballiño proxectará 33 curtas, 18 delas estreas internacionais
O CARBALLIÑO
Entre as curtametraxes que se amosan por primeira vez destaca «As maos da pulpeira»
13 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Festival Internacional de Curtametraxes Xociviga celebrará a súa nova edición entre o 19 e o 23 de novembro no auditorio Manuel María, di Carballiño, coa proxección de 32 curtas procedentes de 22 países. A programación inclúe 18 estreas internacionais, catro en España e a mundial de As maos da pulpeira, de Silvia Cachafeiro. Este traballo está protagonizado por veciñas polbeiras da vila e inaugurará o certame. A programación comezará o día 20 cunha proxección matinal do filme Fallen Angels (1995), de Wong Kar-Wai, na súa versión remasterizada en 4K.
Entre as curtas seleccionadas atópanse pezas que participaron en certames como os de Cannes, Berlín ou Toronto, entre elas The Man Who Could Not Remain Silent, de Neboj?a Slijepcevi, gañadora do Festival de Cannes 2024. A Sección Oficial Internacional, na que tamén participan catro curtas galegas, dividirase en sete bloques, denominados Xentes.
A sección Xénese, dedicada a novos creadores menores de 30 anos, contará con dous bloques de proxección. Ademais, varias sesións incluirán coloquios cos equipos técnicos e artísticos.
O último día do certame a programación comezará coa proxección do filme de animación Balto, de Simon Welles, e pecharase pola tarde coa proxección das curtas favoritas do público, que poderá votar en todas as sesións do xoves, venres e sábado mediante tarxetas de puntuación. As proxeccións a concurso celebraranse do 20 ao 22 en tres sesións diarias (ás 17.30, 19.00 e 20.30 horas), con entrada libre.
O xurado estará composto por Rebeca Losada, Alberto Lobelle e Noelia Papín, encargados de decidir os premios á mellor curta internacional Xentes e á galega Xente de Aquí.
O xurado novo, formado por Miguel Fernández, Aira Portos e Andrea Varela, outorgará os galardóns do mellor traballo de Xénese e á dirección de fotografía. Xociviga continuará coa súa colaboración cos centros educativos.