Os integrantes do grupo de teatro da asociación representaron unha versión singular de «Romeo y Julieta»
22 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.«Non paramos moito, non?», comenta Manuel Anxo, Chicho, Carballido, coordinador do proxecto de teatro de Aspadisi do Carballiño, unha iniciativa que comezou hai case dous anos por impulso dos propios usuarios do centro. Aquel «podiamos facer unha obra» acabou converténdose nun proxecto que naceu, tal e como el mesmo explica, da inquedanza dos rapaces por subirse a un escenario e probar algo novo. Chicho, con experiencia previa no teatro afeccionado, puxo en marcha a proposta dentro do seu traballo en Aspadisi, onde exerce como monitor. Así comezou un proceso no que o máis importante non foi só o resultado final, senón todo o aprendido durante os ensaios: expresión corporal, comunicación e traballo en equipo. «A representación é a recompensa», sinala, deixando claro que o verdadeiro valor estivo no camiño e na capacidade de sorpresa dos participantes, que achegaron ideas, xestos e iniciativas propias.
O grupo está formado por doce persoas, oito sobre o escenario e catro na parte técnica, que tamén se implicaron en ámbitos como o audiovisual ou o son. Froito dese esforzo xurdiu Romeo y Julieta, unha adaptación libre da obra de Shakespeare, transformada nesta ocasión nunha comedia pensada para facer rir ao público. A preestrea foi en Boborás e a posta de largo en O Carballiño. Os que fixeron posible a obra foron Lucía Gándara, Francisco M González, Laura Trigás, Raúl Lois, Sonia González, José Manuel Rodríguez, Ramón Fernández, Iago Pintos, Roberto Fuentes, Milagros Iglesias, Iván Martínez, Diego de la Calle, Ricardo Paz, Carla González, Nerea Pérez e María Louzao.