«Os meus apuntes de BUP son un tesouro»

mar gil OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

Santi M. Amil

Músico, docente e investigador cultural, Iván Area láiase do mal enfoque didáctico das Matemáticas

10 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Iván Area Carracedo (Ourense, 1971) di que as Matemáticas vanse construíndo como unha cebola, facendo cada vez máis abstracción. En realidade, a cebola podería ser a metáfora deste profesor da Universidade de Vigo que foi configurando unha personalidade vizosa coa sinxeleza e a discreción dunha humilde hortaliza. Como a cebola, Iván deixa asomar vistosos talos verdes, pero conforma baixo o solo a verdadeira esencia, esa que se crea sumando froito e raíz, sempre con bo amarre á terra.

O profesor de Matemáticas é só unha das cortizas dun Iván Area que vai destapando, sen demasiados ruídos, ao gaiteiro -imposible non lembrar a Manuel Brañas!-, ao investigador e promotor cultural, ao impulsor do galego, ao político, ao secretario xeral da Unesco para o fomento das Matemáticas en países en desenvolvemento…, ao pai, ao fillo e ao amigo capaz de recibir en Lisboa a un grupo de vellos compañeiros de instituto tocando a gaita no aeroporto.

Deses colegas de pupitre de mediados dos 80, dos recreos cheos de baloncesto e das explicacións de Margarita Aller en BUP e COU desborda a memoria sentimental do alumno que foi Iván. «Era un rapaz aberto, simpático e pequeniño -describe Margarita ante un Iván que hoxe roza os 2 metros-. Cando empezou comigo era baixiño, pero dun curso para outro deu un estirón enorme. El, coma o seu grupo, era bo en todos os sentidos: axudábanse, estudaban e eran unha clase alegre», die Aller.

«Nunca competimos -asegura Iván-, para nós era normal axudarse. Iso tamén se aprendía aquí!». Iso, e non só Matemáticas. «Agora, con perspectiva, creo que fomos privilexiados por contar con profesores que sabían o que eran as Matemáticas», di. Dunha profesora como Margarita Aller, asegura, «nós aprendemos dúas cousas: o rigor e que hai que traballar. A min influíume moito na forma de pensar e de entender as Matemáticas». Os brazos cruzados eran o seu xesto e a expresión, sempre seria. «Seria non, serísima!», matiza ela mesma.

Iván, conta Margarita, «non era chapón; tiña boas notas porque tiña capacidade e entendía as Matemáticas; non a mecánica -matiza-, senón as Matemáticas». A materia que aterroriza a millóns de estudantes en todo o mundo ten, para Margarita e Iván, un problema fundamental: o método. «Desde abaixo explícanse mal», asegura a mestra mentres o seu alumno rexeita a fama mecánica da disciplina: «En realidade é un proceso creativo e iso é o que se debería fomentar».

Desde BUP Iván tivo claro que quería estudar Matemáticas: «Naquel momento non pensaba se sería profesor ou non. O que me gustaba era o baloncesto, a música e as matemáticas. E punto». En realidade, puntos suspensivos, porque as súas preferencias académicas non se quedaban nos números: «Para min a pregunta difícil de responder é que materias non me gustaban porque todo me interesaba».

De Margarita Aller perduran na memoria de Iván os exames. E non pola dificultade, senón polo sistema de corrección. A profesora devolvíallos aos alumnos indicando o que estaba ben e o que estaba mal. «Pero non viñan puntuados -aclara-. Eramos nós os que tiñamos que poñer a nota. O obxectivo era aprender». E, para as curiosidades sociolóxicas, un apunte da mestra: «Os alumnos, en xeral, amosan honradez total; puntúanse por debaixo».

Outro dos tesouros da relación de Iván e Margarita teno o alumno entre as mans durante esta entrevista: os cadernos de apuntes e exercicios daqueles anos 85, 86, 87 e 88. «Son un tesouro -asegura-. Fóronme moi útiles os primeiros anos de carreira e agora tamén, como profesor, polo ben estruturados que están».

Neses cadernos perfectamente conservados o adolescente Iván desvelaba xa algunhas das capas da cebola do home que hoxe é. Un adhesivo de Sabonis, outro do Festival Intercéltico de Lorient e un terceiro de Greenpeace sobre a Antártida rompen a monotonía marrón da portada acartonada. Baloncesto, gaita e compromiso social envolvendo un corazón matemático.

«Agora, con perspectiva, creo que fomos uns privilexiados por ter profesores, como Margarita,

que sabían o que eran as Matemáticas»

«Iván era un rapaz aberto, simpático e, daquela, baixiño. Non era un chapón; tiña boas notas porque comprendía as Matemáticas»