«O fútbol mellorou moitísimo»

Maite Rodríguez Vázquez
MAITE RODRÍGUEZ OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

Álvaro Vaquero

Cándido Gómez leva case corenta anos dirixindo equipos e xestionando instalacións

13 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde hai case corenta anos, a vida profesional de Cándido Gómez está ligada ao deporte e ao pavillón dos Remedios, tanto a pé de campo como na faceta administrativa. Como adestrador de fútbol, lembra o noso protagonista, tivo as súas primeiras experiencias no veciño colexio de Salesianos, onde comezou con 18 anos levando un equipo de cativos na época de Deodato. Pouco despois, Mario Guede chamouno para que se fixera cargo dun equipo de alevíns do pavillón. Corría o ano 1978 e Fernando Bouso era o xerente do centro deportivo.

«Rematei Maxisterio e tiña unha oferta de traballo. Bouso ofreceume facer traballos de oficina e unhas horas no campo de fútbol», explica Cándido Gómez. Daquela, o persoal da instalación deportiva era como unha familia. «Bouso foi o precursor do deporte en Ourense. Antes o pavillón era un centro deportivo, sobre todo para xente maior, e Bouso creou os clubs e foi o impulsor das escolas deportivas municipais», rememora Gómez. Así empezaron as escolas de fútbol e ximnasia, ás que logo se foron engadindo máis disciplinas como atletismo, halterofilia, hóckey, baloncesto, que hoxe seguen funcionando pero como parte dos clubs. Pero foi Fernando Bouso, recalca Cándido Gómez, quen tivo «esa visión de fomentar o deporte creando sección e metendo xente nas directivas».

Foi nesas circunstancias nas que Cándido Gómez acabou enraizando profesionalmente nos Remedios. Seguiu adestrando e opositou a administrador. Mentres continuou adestrando equipos de rapaces. Preparou equipos nos que había mozos que logo se acabarían convertendo en verdadeiros xogadores de fútbol como Bericat, Mugüerza, Tajamata, Dacosta, Cacharrón ou Dopazo. Cándido Gómez séntese orgulloso de ter sido parte da súa formación deportiva. «Daquela había outra relación e outra implicación. Se o adestramento empezaba ás sete había xogadores que viñan xa ás cinco. Vivían o fútbol con máis paixón e tiñan unha ilusión que facía que foran moi fáciles de adestrar», considera o técnico, que esta temporada fíxose cargo do conxunto cadete de División de Honra do Pavillón CF.

Na súa longa traxectoria como adestrador, Cándido Gómez ten traballado tanto con equipos profesionais como cos da base. O adestrador opina que a motivación é «a principal arma» dun xogador, aínda que para poder estar en categorías profesionais, de Terceira División en adiante, precísase ter talento innato. Pon como exemplo una anécdota: «No ano 2001, adestraba eu ao Ponte Ourense na Terceira División e Capi ía unha hora antes que os demais para facer ximnasio e traballo físico. Pregunteille por que e díxome “míster, yo quiero ser futbolista”».

Pero segundo ten observado Cándido Gómez, tampouco basta só coa motivación, aínda que sexa fundamental. Inflúe o aspecto psíquico, que os xogadores se atrevan a competir e a tomar decisións propias no campo de xeito rápido, alén dos automatismos aprendidos nos adestramentos. «O fútbol ten que estar na cabeza para despois pasar ás pernas. Se necesitas pensar antes de pasar, estás perdido», indica Gómez. Ao adestrador déronlle tantas satisfaccións os equipos de base como os profesionais. E tamén lle axuda a mellorar o formar parte da Escola Galega de Adestradores, onde da clases de táctica. «Ensinas e bebes dos alumnos e dos outros profesores. Obriga a unha reciclaxe continua», manifesta. Os adestramentos de fútbol teñen cambiado tamén moito. Nos anos oitenta preparábanse atletas. «Agora búscase que corran o tempo que van correr nun partido e que o fagan con balón», resume.

Cándido Gómez tivo que formarse lendo os libros que conseguía e aprendendo doutros que estaban ao seu carón. Cree que «o fútbol nos últimos anos mellorou moitísimo» e di que, falando diso con Manuel Mosquera, director da Escola de Adestradores, chegaron á conclusión de que niso inflúen a mellora dos terreos de xogo, coa xeneralización dos campos de herba artificial por toda Galicia, os medios materiais -botas, balóns- e o feito de que para sentarse nun banco haxa que ter formación acreditada por un título.

«O pavillón dos Remedios é o foco do deporte municipal»

Na súa faceta como administrador do pavillón dos Remedios, Cándido Gómez ten vivido tamén moitas etapas. Comezou como auxiliar e chegou a ser xerente. «Este é un centro diferente, se pecha un mes, onde se mete o deporte ourensán? Este é o foco do deporte municipal. Habería que investir en remodelar as instalacións, porque hai máis demanda que oferta».

Un proxecto de aparcamento de 150 prazas no espazo que hoxe ocupan as canchas exteriores e un novo ximnasio son algunhas melloras que gardan no caixón por dotación económica. E aínda así fóronse actualizando cousas, como a reforma para mellorar o ambiente nas piscinas.

Cándido Gómez explica que, polos estatutos do Consello Municipal de Deportes, a preferencia de uso do pavillón é para a formación, fomento do deporte base, escolas e cursiños. Por iso, apunta, os adultos teñen que adaptarse aos horarios que queden libres -nunha fin de semana hai medio centenar de partidos nas instalacións municipais- e tamén os recursos económicos dan prioridade á formación antes, por exemplo, que a organización de eventos.

O técnico opina que Ourense capital foi por detrás doutras cidades galegas en canto a investimento en instalacións deportivas, aínda que, matiza, agora se estean construíndo as pistas cubertas de atletismo en Expourense.