«A vida no barrio da Chavasqueira era tipo napolitana, rueira e moi agradable»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

Álvaro Vaquero

Bieito Iglesias lembra a infancia no lugar, os xitanos e os labregos que viñan aos baños

12 nov 2017 . Actualizado a las 21:37 h.

Lembra Bieito Iglesias que el, como Valente, está fóra da cidade dende os 17 anos. Mais non se alonxa para estar, como o poeta, e sempre participa nas actividades e os proxectos que se desenvolven en Ourense. É un dos membros da recén creada Fundación Blanco Amor e esta mesma semana, o martes, participaba cunha celebrada e animada conferencia na xornada da Real Academia Galega adicada a Carlos Casares. Ao protagonista das Letras Galegas deste ano tenlle lei. «Rematamos sendo grandes amigos, a pesares da diferenza de idade. Eu xa tiña dúas obras con Xerais -aínda que non deixaba de ser un principiante- e el, como editor, animoume a que publicase con Galaxia o libro de relatos Miss Ourense e logo propúxome traducir ao galego as obras de Arthur Conan Doyle -a editoral publicou os nove volumes do escritor que teñen como protagonista a Sherlock Holmes -. E dende aquela mantivemos unha boa amizade».

Iglesias fixo da cidade o seu mundo narrativo, mais ten a mirada obxectiva dunha realidade que mudou moito: «O do Ourense literario é un mito, que parte dunha realidade. Na etapa anterior á guerra chamouse a Atenas de Galicia e con razón, só hai que lembrarse que Ourense en 1940 tiña 27.000 veciños -só 12.000 nados na cidade- e que ao mellor antes da guerra sería unha cidade coa poboación que ten hoxe O Carballiño, ou pouco máis. Que coincidisen naquela altura xentes como as que viviron nese tempo, con aquel prestixio intelectual e aquela proxección cultural, foi un milagre. Daquela é un mito con algo de verdade, aínda que logo Ourense sufriu unha involución; e dende o punto de vista cultural estaba máis viva en 1925 que hoxe».

Non hai espazo para a dúbida cando ao escritor se lle pregunta polo seu recanto preferido da cidade. E para os que teñen lido os seus artigos as pistas están nidias. «A Chavasqueira é o territorio da miña infancia, tamén Coles porque logo fun para alí cando aos meus avós. Ata os cinco anos vivín alí, e logo baixaba no verán, e os primeiros recordos que teño son do barrio e do neno que o mira todo con curiosidade e con esa ollada limpa dos cativos». As pozas de auga quente e o campamento dos xitanos eran a referencia do barrio: «A Burga da Chavasqueira, que así lle chamaban por analoxía coas Burgas do Medio, era un edificio vello formado polos restos do balneario que fixeran no século XIX e que estaba abandoado. Naqueles primeiros anos 60 vivían alí os xitanos, na parte de enriba, e abaixo había o chorro de auga quente. Ocupaba o espazo onde está agora a sauna das modernas instalacións».

«Os bañeses»

Nas liñas da memoria do neno Bieito Iglesias as imaxes semellan estar ben gardadas e ordeadas. «A vida da Chavasqueira daqueles anos era a dos charcos de auga quente, dos xitanos, de vivir na rúa e no patín da casa, dos homes que sacaban as cadeiras para sentarse a falar e de portas abertas. Era unha vida tipo napolitana, rueira e moi agradable. A Chavasqeira para min é o territorio mítico da miña infancia». Tempos nos que o enxeño, agora chamado emprendemento, tamén se deixaba ver. «Íamos co caldeiro a coller auga quente para bañarnos e logo estaba un veciño que metera unha conexión na casa e montara unha especie de balneario. Era como se fose un spa clandestino e improvisado. Creo que cobraba unha peseta por bañarse alí».

Outros personaxes característicos, aos que chamaban «os bañeses», eran os labregos que se achegaban ata alí dende a contorna da cidade. Iglesias lémbrao ben: «Os bañeses eran labradores que baixaban ata o barrio no verán, en agosto, dende as terras de Amoeiro, Coles, A Peroxa ou Cea e viñan tomar os baños para a reuma. Que realmente non se bañaban, senón que metían os pés nos charcos de auga quente e poñían a manta por riba da cabeza e absorbían o vapor. Eran vellos que collían unha casa ou alugaban un cuarto no barrio da Ponte e viñan alí aos baños».

«A nova novela está ambientada na cidade e é unha historia policial»

Bieito Iglesias ten desenvolvido unha importante actividade creativa que o levou por moitos xéneros. O relato, a novela, a tradución, o ensaio, a poesía ou os artigos xornalísticos -foi colaborador de moitos medios de comunicación- forman parte da súa obra. Recoñece que o campo de xogo no que se sinte mellor é a narración: «Os contos e as novelas son o espazo creativo preferido. A miña vocación é a de escritor de ficción literaria. E logo a prosa xornalística. Escribín para moitos medios e realmente a literatura de xornal é algo que me resulta moi querido».

Os Reis deste ano trouxéronlle un especial agasallo ao neno que nunca esqueceu a Brunilda -nome que identifica ao virus da poliomelite- e que estivo na loita para que se recoñecesen os dereitos dos afectados polos medicamentos empregados hai décadas. E coa xubilación como docente, o escritor anda metido de cheo na súa próxima novela: «Está ambientada na cidade, neste 2017, e é unha historia policial. Un pouco na liña de Miss Ourense. Sairá no 2018».

Quen é. Profesión. Recanto.

Quen é. Bieito Iglesias naceu o día de Reis de 1957. De cativo viviu na cidade e cando os seus país se foron á emigración a Suíza foi para Coles ao quedar a cargo dos avós. Daquela época son as súas lembranzas dos lugares de Pol e Figueiredo.

Profesión. Foi profesor de lingua e literatura galega. Xubilouse este ano como docente do Xelmirez I de Compostela.

Recanto. O espazo co que se identifica na cidade é A Chavasqueira, lugar ao que están vencelladas as súas lembranzas de neno e os primeiros anos da súa vida.