O OUFF presenta o libro sobre a obra do director Xavier Bermúdez

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

MIGUEL VILLAR

O monográfico, elaborado polo crítico de cine Eduardo Galán, foi presentado esta mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel

05 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Un dos momentos máis esperados deste OUFF chegou coa presentación da monografía sobre a obra de Xavier Bermúdez -director e guionista ourensán que recibiu este ano o premio Calpurnia de Honor-. No encontro cos medios e o público, o cineasta e o crítico e historiador Eduardo Galán -autor do libro- desgranaron algúns segredos sobre o proceso de elaboración da que é a primeira publicación existente sobre o traballo Bermúdez.

«Ourense é terra de cineastas e de miradas particulares e temos o orgullo de ter a Xavier entre eles, ao que inda lle queda moito por contar», explicou Galán no acto de presentación de «Dos pés á cabeza».

Coa intención de que Ourense sexa o epicentro do cinema galego durante estes días, a organización do Festival de Cine Internacional (OUFF) programou unha serie de actividades que van máis aló das proxección nas salas de cine repartidas por toda a cidade. Hoxe tocou o turno de coñecer as axudas á produción audiovisual coas que a Xunta de Galicia pretende que se poidan facer proxectos máis competitivos.

Jacobo Sutil, director da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), explicou que as axudas que xestiona AGADIC cubren «toda a cadea de produción», dende a idea dun proxecto ata a súa difusión, e que resultan «fundamentais» para o crecemento do sector audiovisual na rexión. Dentro das medidas para difundir as creacións audiovisuais galegas destacan o programa Cinemas de Galicia, que permite o acceso a unha pantalla grande en lugares onde non hai salas comerciais, e que se desenvolve en varios municipios galegos dende 2014; así como a colaboración entre a Filmoteca de Galicia e os cineclubes locais para proxectar cine menos comercia.

Ademais, Sutil, fixo balance da colaboración co Cineclube Padre Feijoo para o desenvolvemento da extensión ourensá da programación do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI)-Filmoteca de Galicia. No acto tamén participaron Manuel Precedo, presidente da Asociación Cultural Cineclube Padre Feijoo; e Aurelio Gómez e Miguel Anxo Fernández, coordinadores técnico e artístico do OUFF, respectivamente.

Cine e literatura

Tamén esta mañá, o Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu a presentación do traballo fin de grao, convertido en libro, de Dunia Álvarez. «A meca dos cines» trata a relación de O Grove (pontevedra) co mundo do cinema. Desa idea saíron o libro mais tamén un documental que presentou acompañada do alcalde do municipio pontevedrés, José Antonio Cacabelos Rico, e da concelleira de Cultura, Emma Torres Romay.

Na cinta e no texto, a autora fai un repaso histórico polas salas de cine que tivo o seu municipio, «que chegaron a ser catro, tres delas funcionando ao mesmo tempo na década dos 50 nunha localidade de 7.500 habitantes».