«Un neno non se pode enganchar a un xogo no que o reto é matar»

Lorena García Calvo
LORENA GARCÍA CALVO LUGO / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

Álvaro Vaquero

O doutor en psicoloxía Manuel Isorna advirte que coas ludopatías tradicionais e coas novas hai danos persoais e familiares

19 feb 2019 . Actualizado a las 13:49 h.

O doutor en psicoloxía Manuel Isorna alerta das adicións aos xogo entre os mozos. Explica que un 10 % dos rapaces estano ós videoxogos, xogos en liña e apostas deportivas. E relata casos como o dunha clase de quinto de primaria na que de vinte alumnos cinco recoñecen ter pagado por facerse con armas en Internet coas que avanzar nos xogos. Non é un caso extraordinario, avisa, ao tempo que incide na «importancia do control parental» para previr as neoadiccións entre a mocidade.

-As adiccións tradicionais, as químicas ou as ludopatías, deixaron paso a outras novas?

-Si. Esas lamentablemente seguen medrando: pero aparecen outras que se perfeccionan moitísimo, que están vinculadas co azar, coas ludopatías e os xogos on line e que están causando moito dano a nivel familiar e persoal en moitos adolescentes e non tan adolescentes.

-Como se xera o perigo do que fala?

-Hai que partir de que un videoxogo está feito para enganchar e está elaborado polos mellores profesionais do mundo. Están deseñados para que quedes tan contento, que compres o seguinte. A min non me parece un xogo; nun xogo non gañas sempre, interactúas cara a cara e xogas por divertirte. Pero cando estes nenos se poñen diante da pantalla, cámbialles o carácter. Están tan ben feitos que é imposible que perdas, que pensas que es boísimo. É o que denominamos a motivación intrínseca. Tamén xogan moito coa motivación extrínseca, como ránkings on-line. Iso fai que lle dediques máis horas das que realmente querías. Ese é o primeiro síntoma de que alguén ten un problema co videoxogo. Ademais, hai unha perda de control. Moitos rapaces xogan só na fin de semana; pero outros van á escola, e ao volver póñense a xogar e din que están estudando. E a maiores está o nivel de dependencia, só están contentos cando están xogando. Isto repercute na súa vida diaria: son rapaces moito máis sedentarios e impulsivos, porque no videoxogo, por exemplo, son eles os únicos que teñen a pelota.

-As adicións a videoxogos, xogos ou apostas en liña respostan a algún perfil concreto de persoa?

-Non. Moitas veces, debaixo deste tipo de adiccións, desa perda de control, de comportamentos impulsivos, hai un trastorno de tipo afectivo. Hai algún baleiro persoal que enchen cos xogos ou incluso coas apostas. Non todo o mundo ten o mesmo risco de desenvolver a adicción. Logo, o principal factor adoita ser o escaso control parental. Aquí estamos falando de idades nas que o cerebro se está desenvolvendo, polo que é importantísimo que exista un control parental de frecuencia, de tempo de uso e sobre todos os contidos dos videoxogos. Un neno de oito anos non pode estar xogando ao GTA ou ao Fornite, onde o reto é matar, rebentar, destrozar, e así todo o tempo. Esa estrutura de emocionarte matando xera unha activación do sistema central de recompensa que fai que resulte normal ese tipo de violencia. Logo sorpréndenos atoparnos con xente que irradia violencia por todos lados, cando para eles non hai outro estado de ánimo. Cambia moitísimo o carácter dos rapaces.

-Pódese saber cando se cruza a liña do razoable?

-Hai moitos indicios. É importante salientar que a nosa historia de desenvolvemento foi movernos e xogar, o noso aparato psicomotriz é dos mellores do reino animal porque estabamos movéndonos, gateando, xogando, caendo e erguéndonos, Foi así ata hai nada. Os videoxogos e xogos on-line cambiaron de xeito demoledor isto. Primeiro, o sistema educativo obrígate a estar sentado moitas horas; logo tes actividades extraescolares que poden ser tamén sedentarias, e logo, no tempo de ocio que podían ter para interactuar con outros rapaces e xogar, seguen sendo sedentarios. Mesmo comen diante do ordenador ou da tele. Ese é un indicio, aí vemos que o pouco tempo que temos para pasar en familia se ve alterado polo ordenador ou o móbil. Outra pista son baixadas de notas, o abandono da práctica deportiva, e logo hai normalmente gastos. Se hai apostas on-line, vemos que desaparecen cartos, aparecen cargos nas contas bancarias dos pais sen saber de onde veñen. Teño visto casos tremendos.

-Como se tratan estas adiccións?

-Adoitan ser condutivo-condutuais. Por exemplo, hai que modificar a conduta desa persoa; ao principio, que os cartos llos xestione a familia; logo hai que cambiar o ordenador polo deporte, ou por estar máis tempo coa familia para que fale; e logo hai unha parte cognitiva, todo o relacionado co proceso de toma de decisións. Que saiban como funciona unha tragaperras, qué pensamentos lles veñen antes de querer xogar, e iso leva tempo.

-Hai moito enganche?

-Apóstase a todo, ás deportivas e non deportivas. Son un perigo real e un exemplo do que se

está xogando é a cantidade de casas de apostas que hai, presenciais e sobre todo on-line. Engancha porque ademais é inmediato, ao remate do partido xa gañas ou perdes. Podes apostar pequenas cantidades, tes a sensación de que apostas pouco pero acabas perdendo cantidades inxentes.