«O obxectivo das Xornadas era promover que existise un cine galego»

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

Santi M. Amil

1976. Xornadas de cine en Ourense. A cidade converteuse nos anos 70 na referencia para o sector audiovisual en Galicia

23 jun 2019 . Actualizado a las 09:10 h.

O panorama audiovisual galego amosa unha realidade longamente desexada. A oferta de certames enche o calendario anual cunha ampla variedade de propostas e formatos -das curtas aos festivais xeralistas e os documentais ao cinema periférico- e os realizadores galegos aparecen na nómina de premiados en convocatorias internacionais: de Cannes a Locarno e de Sundance ao Bafici. Sen esquecer os Goya que imos apañando ano a ano.

Mais houbo un tempo de incerteza, de baleiro e soños coutados nos que o fundido a negro enchía todo. Foi aí cando un fato de mozos de Ourense apostaron por crear unhas xornadas de cine que puxesen o audiovisual galego no mapa: Por que non se ía poder facer aquí o que se estaba a realizar noutros lugares? E así foi como as Xornadas de Cine de Ourense, que se celebraron entre 1973 e 1978, se converteron nun dos alicerces da historia do cine e do audiovisual galego.

Comezaron coa denominación Semán do Cine en Orense e no catálogo daquel xaneiro de 1973 o profesor e escritor José Luis López Cid asinaba o parágrafo que remataba cunha frase que é historia: «Ya es alentador que se hable de nuestro cine inexistente, de nuestros directores alienados, de lo que podría filmarse, de lo que ya se filma, de planteamientos para un futuro. EL CINE GALLEGO ES LA CONCIENCIA DE LA NADA. YA ES ALGO».

Entre 1973 e 1978 a cidade converteuse na referencia para os directores, produtores, estudantes de cinematografía, cinéfilos, historiadores, xornalistas e investigadores. Os traballos do equipo Lupa, de Compostela, as pezas de Eloy Lozano, Enrique R. Baixeras, Miguel Castelo, Xavier Villaverde, Miguel Gato ou Carlos Piñeiro, entre outros, convivían cos debates nos que participaban figuras como Antonio Román, Ramón Piñeiro, Elias Querejeta, José Luis Borau, os senadores Bandrés e Xirinachs e outros moitos.

En Ourense estreáronse cintas como o Retorno a Tagen Ata, de Eloy Lozano, e proxectouse por derradeira vez A tola, de Miguel Gato. Foi na edición de 1975 e os organizadores das Xornadas remataron declarando na Comisaria de Policía. O copión de A tola foi incautado polo TOP (Tribunal de Orde Público) e da obra de Miguel Gato nunca máis se volveu saber. Paz lembra ben aquel episodio: «A sala dos Salesianos chea e na proxección estaba o gobernador civil, Llobel Muedra, e cando pasaban A Tola -que ía da xente á que sacaban a pasear os falanxistas- ergueuse e berrou: ‘Ahora ya sé lo que es el cine gallego’ e aí comezou todo».

Iniciativa de Álvarez Pousa

No marco do certame audiovisual naceron as inquedanzas e as demandas para que Galicia se dotase dun cine de seu e unha industria audiovisual, promovéronse iniciativas como a creación dunha produtora-distribuidora galega - Nós , proxecto ideado por Ana Fernández e Carlos Varela- e mesmo se aportaron contribucións á situación do sector noutras comunidades, xa que na derradeira edición o abano ampliouse a Xornadas de Cine das Nacionalidades e as Rexións. 

  Testemuña de excepción daqueles tempos é José Paz Rodríguez, un dos organizadores das Xornadas. «A idea e o verdadeiro artífice do proxecto foi Luís Álvarez Pousa. O Cineclub Padre Feijoo creárase na Normal -a escola de Maxisterio- no curso 1970-1971 e fora promovido por Emilio Losada, que era profesor de Relixión, co apoio doutros docentes e estudantes. Eu incorporeime como secretario en 1972, cando entrei a dar clases na escola. Luís Álvarez Pousa era un apaixonado do cine e un día chegou e díxonos: ‘E por que non facemos unha semana de cine para promover que exista un cine galego?’ A nós pareceunos unha idea excelente e apoiamos a iniciativa. E así naceu a Semán do Cine en Orense que foi como se chamou a primeira edición. O cartel fíxoo Vidal Souto». Paz Rodríguez incide en que «os contactos que tiña Luís eran extraordinarios e por aquí pasaron os mellores críticos da época, vencellados a publicacións como Reseña

ou Triunfo e xente como Pedro Miguel Lamet, Miquel Porter Moix ou Fernando Lara, entre outros estiveron por Ourense naqueles anos».

 A ilusión e a implicación daqueles mozos foi o verdadeiro motor das Xornadas de Cine de Ourense, xunto coa colaboración desinteresada de espazos como o Cine Mary e os Salesianos; no primeiro proxectaban as longametraxes e no colexio as curtas. Tamén do Ateneo e a Auriense.

 A amante do director xeral e o visionario Carlos Velo

Eran anos duros e había que valerse de todas as estratexias e recursos para conseguir o que se quería. «A última cena» , do cubano Tomás Gutiérrez Alea, non tiña a ficha da censura e non se podía proxectar. Na comisión organizadora estaba David Freire, o capelán militar, que tiña amizade co director xeral de Cinematografía e o teléfono da amante. Chamou, á casa dela, e estaba alí. Comentoulle o que nos pasaba e dende alí mesmo xa deu orde e mandaron o teletipo coa autorización para poder proxectala».

 De Carlos Velo garda un especial recordo. «Fixémoslle unha homenaxe e proxectamos as súas películas nas Xornadas de 1977. A copia do documental Universidade comprometida tróuxoa María Xosé Queizán dende México, e quedou no Cineclub Padre Feijoo. O que non sei é onde foi parar despois. A charla deuna no Liceo; chegou cun disco grande debaixo do brazo e dixo ‘Isto é o futuro do cine’. Leveino ao seu pobo e ao aeroporto. Era extraordinario e unha persoa amabilísima», lembra José Paz Rodríguez.