De amores e salarios

Xosé M. Rodríguez

OURENSE CIUDAD

18 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Non vai facer que se pare o mundo a nova corporación provincial de Ourense, cousa tampouco agardada, mais de certo que imos ter un mandato ben animado, divertido por momentos, e mesmo fóra do que se poda esperar nunha institución como a referida. Iso seguro.

O pleno de organización xa amosou que non haberá paz cortés nin pacto estratéxico a prol de nada. O obxectivo non era outro que escenificar o famoso «e do meu que?» coas estratexias acaídas para manter as posturas que cada quen defende á hora de pedirlle o voto á parroquia: o goberno propón, e aproba coa súa maioría, e a oposición argumenta e mesmo vota contra do que logo vai cobrar. Xa que o van aprobar igual quedamos xenial e mesmo semella que imos estar a soldo da institución porque non nos queda outra.

Mais a estrea do novo mandato deixa un bo e prometedor escenario. O grupo de goberno PP-DO semella que terá no portavoz do socio minoritario un bo e arroutado argumentador, fronte a unha liña expositiva dos populares que seguirá a ser MM (Manifestamente Mellorábel). Adoecidos como están co pacto de goberno, os socialistas poden rematar queimando axiña as súas bazas e mesmo volverse contra eles os seus posicionamentos. E mentres dende Ciudadanos unha transformada exdeputada do PP recoñece a súa fidelidade e amizade aos seus antigos compañeiros, por máis que precise que sigue sen compartir o que lle fixeron no seu pobo.

Nesta nova etapa de aposta pola «alta política remunerada» a montaxe promete.