Jácome anuncia a instalación de varias ramplas mecánicas para subir de Progreso a San Francisco

La Voz OURENSE

OURENSE CIUDAD

Santi M. Amil

O alcalde de Ourense asegura que licitará o proxecto para mellorar a accesibilidade ao auditorio e á biblioteca no 2021

15 oct 2019 . Actualizado a las 14:07 h.

O Auditorio de Ourense, e por extensión todo o complexo cultural de San Francisco, non é un espazo que conte con boa imaxe entre os ourensáns. O desnivel existente entre o centro da cidade e o Auditorio, e os traxectos que é preciso percorrer para chegar ao mesmo, fan que se resinta a asistencia ás actividades que se programan no mesmo e que os espectadores opten en moitas ocasións por facer uso do coche para desprazarse ata o recinto cultural e deixar o vehículo no aparcamento soterrado do edificio. Habilitar medios de desprazamento que facilitasen a comunicación co Auditorio é unha vella demanda, nalgunha campaña electoral mesmo se propuxo a creación dun teleférico, e o alcalde de Ourense vén de poñerlle prazo á solución para este problema. Gonzalo Pérez Jácome anunciou a dotación de ramplas mecánicas entre a rúa Progreso e o Auditorio, máis un ascensor, para salvar o desnivel entre a referida rúa e o espazo cultural. Estas novas infraestruturas contribuirán, segundo o Concello de Ourense, a facilitar a asistencia ao Auditorio e aos novos servizos cos que se contará neste entorno, nomeadamente a Biblioteca Nodal de Ourense e o Arquivo Histórico Provincial. O proxecto xa está sendo ultimado polos técnicos e segundo anunciou Gonzalo Pérez Jácome a licitación será no vindeiro ano e no 2021 estarían operativos todos os elementos mecánicos. Serán catro ramplas mecánicas na rúa Concordia, dúas en cada tramo, que conectarán co seguinte espazo (a Praza das Mercedes), logo haberá outro destes mecanismos entre As Mercedes e a súa Arturo Pérez Serantes e dende este vial á rúa San Francisco. Ademais haberá un ascensor para acceder aos novos espazos da Biblioteca e o Arquivo.