Escritores e expertos debateron sobre a importancia da lingua na democracia
OURENSE CIUDAD
A sala Ángel Valente de Ourense acolleu onte unha mesa redonda titulada «Lingua, cultura e liberdade. O galego na construción da democracia», na que participaron Juan Tallón, Pilar García Negro, Manuel Bragado e Dores Tembrá. O acto formou parte da programación impulsada pola Subdelegación do Goberno e o comisionado para a celebración dos 50 anos de España en liberdade. O encontro convidou a reflexionar sobre o papel esencial que teñen as linguas na vida democrática e tamén na identidade plural de España. «Tras un período escuro da nosa historia, no que a diversidade lingüística foi silenciada e perseguida, houbo moitas persoas que mantiveron vivo o galego, que nunca morreu. Creadoras, docentes, activistas, editoras, cidadáns anónimos, mulleres e homes que traballaron con enorme xenerosidade para que a nosa lingua recuperase espazo público, prestixio e futuro», sinalou o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos. O editor Manuel Bragado, quen actuou como moderador, ofreceu datos clarificadores: na actualidade, o 42 % dos galegos utilizan habitualmente o idioma dun xeito ou doutro; hai 15 anos, esta cifra era do 58 %, e en 1992 alcanzaba o 68,6 %. Á inversa, e como paradoxo, en 1975 publicáronse 65 libros en galego, mentres que no ano 2024 foron arredor de 1.200.
Os escritores Juan Tallón e Dores Tembrás, ambos nacidos en 1975 en familias galegofalantes, subliñaron o papel dos mestres apaixonados pola lingua nos primeiros anos da democracia e das súas vidas. Pola súa banda, Pilar García Negro destacou a caída da literatura galega na actualidade e relatou a situación da lingua na década dos setenta.