Abraiados coas aves da Limia

Diego R. Vieites FIRMA INVITADA

SANDIÁS

17 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando apenas tiña once anos aló pola década dos oitenta, unha das cousas que máis me abraiaba era montar na miña bicicleta cos meus prismáticos colgados no brazo e ir ver que aves atopaba pola contorna da miña aldea na bisbarra ourensá da Limia. Deste xeito descubrín o son que emitían os sisóns cando voaban, o canto dos machos de garza pequena que se escondían entre as canaveiras ou as acrobacias que facían as conícoras -tamén coñecidas como avefrías- nos seus voos nupciais. Os cereais como o trigo e o centeo mesturábanse cos campos de patacas e as parcelas con herba mais tamén con veigas, fragas, o río Limia, as areeiras de Sandiás, rebaños de vacas… nas miñas saídas, conformando todo elo unha paisaxe moi fermosa como telón de fondo destas primeiras observacións ornitolóxicas.

Anos máis tarde, cando cursaba a carreira de Bioloxía, sería consciente do valor que tiñan as especies que observaba xa dende neno na chaira antelá, ben pola súa escaseza no resto da xeografía galega ou ben por estaren catalogadas en diferentes catálogos e directivas con diferentes categorías de ameaza. Deste xeito, entendín que os sisóns eran moi escasos na nosa terra e estaban en profunda regresión, que as garzas pequenas apenas criaban noutras tres ou catro zonas húmidas galegas e que as parellas de conícoras descenderan considerablemente nos últimos anos nesta bisbarra ourensá.

Daquela, lendo libros tan ilustrativos e ben escritos como Antela: a memoria asolagada de Xosé Luís Martínez Carneiro ou Aves da Limia dende a lagoa de Antela aos nosos días de Serafín González, Antonio Villarino e Felipe Bárcena decateime tamén de que a avifauna actual da Limia, pese á súa grande importancia no conxunto do patrimonio natural galego, non era nada en comparación co esplendor dos valores naturais da tristemente desecada lagoa de Antela, unha das de maior extensión da península Ibérica e que, de terse mantido ata os nosos días, seguramente constituiría o Parque Natural da Lagoa de Antela.

Con esta perspectiva histórica da avifauna limiá comprendín a importancia que ten a comunidade de aves da Limia actual e a pasada e comecei participar en diferentes iniciativas de cara á súa conservación, ben colaborando en proxectos de restauración de ecosistemas ou ben no campo do monitoreo de diferentes especies de aves. Afortunadamente, nos últimos anos distintas administracións e entidades conservacionistas teñen revertido en certa medida os numerosos impactos ambientais causados na bisbarra dende a metade do século XX ata fai ben pouco. As veigas de Gomareite e Vilaseca, as areeiras de Sandiás, o meandro do Limia en Ponteliñares son algúns dos puntos onde se levaron a cabo estas tarefas de restauración que deberían ser só o comezo dun camiño para a recuperación, alomenos en parte, dos valores naturais perdidos no pasado.

Estes proxectos axudan a que, se un decide dar un paseo pola Limia actualmente, poda observar sen problemas numerosas especies de aves, algunhas delas comúns na nosa xeografía mais outras moi escasas e ameazadas. Salientan as xa citadas sisón, garza pequena e conícora mais tamén o pernileiro que canta á noitiña en cada vez menos veigas, a calandriña pequena que conta co seu único punto reproductor galego neste lugar, a folosa grande que dende o interior dos canavais nos deleita co seu potente canto musical, ou a garza da noite que dende a desecación de Antela non se reproducía na zona e que o comezou facer fai cinco anos.

Esta riqueza ornitolóxica atrae a numerosos amantes da natureza a visitar a chaira antelá feito que, ademais, pode ser aproveitado como unha oportunidade económica para a poboación local. De nós depende que no futuro os nosos netos e netas podan seguir abraiándose coas aves da Limia.

Diego Rodríguez Vieites é ornitólogo