Bubú

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

VERÍN

JOSE PARDO

30 nov 2024 . Actualizado a las 20:43 h.

Hai anos que pilota coa súa tía Cloti o Bar Fidel's, que para a nosa cuadrilla é case un santuario. Alto, vigoroso, coa barba non afeitada completamente, voz grave. Serio, circunspecto, severo, imperturbable, ou iso parece. Porque el gasta un humor moi particular, en ocasións críptico, que só os que o coñecen moito saben interpretar. Nós nunca sabemos moi ben se acertamos cando chamamos por el. Unhas vecés dicímoslle Bubú, e outras, Bubu. Claro que para non confundírmonos o mellor é chamalo Alberto. El mírate, fai un aceno coa cabeza, colle unha copa e serve a primeira consumición, habitualmente cervexa. O outro día pedinlle por favor que me cambiase a copa e que me puxese a cervexa nunha copa de viño. Contestou, secamente: «A cervexa hai que bebela nos vasos de cervexa». E, obviamente, puxo a copa que lle deu a gana. É un barman á vella usanza, dos sabios que rara vez encontramos na nova hostalería. Tipo do Luis, aquel que rexentou o Bar Franchesco, e cando lle preguntaban cantos tipos de ensaladas tiña, el contestaba: «Grandes e pequenas». O Bubú hai días que o supera. O luns un cliente pediu unha auga. O noso barman ía servirle unha de cristal. Preguntou o cliente: «Non tes de plástico?». Respondeu: «Si, pero están arriba (no almacén) e non me apetece subir a buscalas». Ao día seguinte púxonos un pincho de lombo. Ao Mariló colocoulle dúas lonchas por riba do pan; a min, só unha. «E logo a min por que só me pos unha, Bubú?», preguntei con toda educación. Contestou: «É que el cáeme mellor ca ti». Como ven, o noso Bubú é un profesional da barra moi particular. Tanto que non sei se esta tarde, cando vaia tomar un vaso, terei que ir ao bar de en fronte. Non me estrañaría nada.