«Fracaso sería que o Arousa non dese o 100 % todos os partidos»

PONTEVEDRA

MONICA IRAGO

14 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Os estrategas arousáns da Terceira valoran as perspectivas dos seus equipos a unha semana do inicio da Liga. Jorge Otero (Arousa) e Edu Charlín (Céltiga), Luis Carro (Ribadumia) e César Sánchez (Vilalonga) contan con moi diferentes puntos de partida nos seus banquiños. Os dous primeiros, coa experiencia da tempada pasada na mochila e con potentes planteis para pelexar na zona nobre da táboa; os segundos, técnicos que debutan na categoría, con equipos construídos sobre modestos orzamentos

Tras agardar por un banquiño na Segunda B que finalmente non chegou, Jorge Otero (26 de Xaneiro de 1969) dirixe por segunda tempada a un Arousa camiño dos 25 anos fóra da fase de ascenso.

-Dixo antes de comezar a rodar o novo plantel que estaba moi contento co que o club lle puxera nas mans. A unha semana da Liga, con varios test detrás, ¿segue a pensar o mesmo, ou bota algo en falla?

-Estou moi satisfeito. O club fixo un grande esforzo, temos o que precisabamos. O equipo está ilusionado, e estamos a facer un traballo duro.

-¿Xa ten un once ben definido e un sistema debuxado na súa pizarra?

-Si. Máis ou menos si hai ese equipo tipo. Os xogadores saben que iso non significa que haxa 11-12 futbolistas. Pola miña maneira de entender esta categoría todos son necesarios. Tentamos que todo o equipo participe, e que todos se sintan importantes. Sobre o sistema, barallamos varios, non creo que sexa algo fundamental. Irá en función do rival, e do que queiramos.

-A directiva e a afección piden voltar xogar a fase de ascenso 25 anos despois...

-Iso é normal. Todos queremos estar arriba, todos queremos ser campións, todos queremos xogar a fase. Creo que o Arousa se reforzou francamente ben, pero o Barco reforzouse moitísimo, o Bergantiños, o Ourense recén ascendido; o Céltiga ten moitísimos bos xogadores. Xa non falamos de Somozas e de Boiro. Dáme a sensación de que vai ser a Terceira máis igualada dos últimos anos. A miña filosofía é non pensar máis alá do comezo de tempada. Os retos a longo prazo creo que non teñen moito sentido.

-¿Rematar por debaixo dos catro primeiros sería desta volta un fracaso?

-Fracaso é que o equipo non traballe, que non dea o 100 % en todos os partidos, que non estea implicado ata o derradeiro minuto; porque ao final hai moitos equipos que poden estar aí arriba.