Pontevedra festexará os premios a prol da lingua en varias disciplinas

La Voz

PONTEVEDRA

20 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A festa literaria Unha lingua de premio, organizada polo departamento de Cultura da Deputación de Pontevedra, porá en valor o papel que os premios de literatura, xornalismo e investigación tiveron historicamente no mantemento e normalización da lingua galega.

A festa, presentada onte polo deputado Xosé Leal e pola autora Ledicia Costas, terá lugar no Salón de Plenos do Pazo provincial o vindeiro 26 de setembro, coincidindo co Día Europeo das Linguas. E a escritora, membro da directiva da AELG, será a encargada de conducir este evento no que se recoñecerá o labor creativo a prol da lingua e da cultura galega «como creadoras de país». Costas sinalou que «en Galiza estamos á cabeceira en talento na literatura, na música e en todas as disciplinas, e ás veces o que nos falta é crelo un pouquiño».

A festa literaria incluirá ademais de intervencións institucionais, unha serie de accións nas que a literatura dialogará con outras disciplinas.

A música estará representada pola banda Xardín Desordenado, que interpretará poemas musicados, mentres que as artes escénicas correrán a cargo das actrices Iria Pinheiro e Ailén Keidelman, que prepararán unha pequena peza teatral na que darán cabida aos gañadores das edicións dos premios 2017 que se convocan na provincia.

No eido do audiovisual, proxectarase un vídeo que recolle espazos físicos dos concellos convocantes e espazos de creación a través da lectura de fragmentos das obras premiadas en cada certame.

No Pazo Provincial se instalará unha moqueta cos nomes impresos das obras e autores gañadoras de todos os premios da provincia desde a súa primeira convocatoria ata o ano 2017, en concreto dos 17 premios de creación literaria en teatro, narrativa e poesía, de investigación e de xornalismo, convocados por 10 concellos e pola Fanpa de Pontevedra.

Neste acto se farán realizar recoñecementos simbólicos a unha entidade e a unha persoa que contan cunha destacada traxectoria a prol da literatura e da lingua en galego, o Festival da Poesía do Condado e Manuel Bragado.