Vicente Feijoo: «A toponimia é un patrimonio cultural inmaterial que desaparece»

PONTEVEDRA

MARTINA MISER

Leva anos cunha aplicación que permitirá a subir a Internet o nome das aldeas e lugares

17 feb 2019 . Actualizado a las 08:00 h.

Vicente leva toda a súa vida tentando que os topónimos de Galicia non desaparezan, que a xente comprenda a enorme riqueza patrimonial que agochan e os múltiples usos prácticos que poden ter. Agora, confía en que unha nova aplicación móbil anime aos veciños a implicarse máis na conservación deste patrimonio inmaterial. E por iso percorre os concello galegos con Toponimízate, unhas charlas nas que fala aos veciños sobre esa aplicación, na que colaboran a RAG e Xunta, que permitirá a todo o mundo subir a Internet os nomes das súas aldeas ou lugares. Coa colaboración de todos, os topónimos pervivirán no tempo.

-¿En que consiste a campaña que está promocionando?

-A campaña Toponimizate está financiada por fondos europeos e organizada pola Real Académica Galega. Tenta achegar aos concellos de Galicia a importancia que ten a nosa toponimia e presentar unha nova ferramenta informática, da que agora temos lista unha versión de proba e que estará aberta ao público ao longo deste ano, na que calquera persoa dende o seu móbil poderá meter o nome da súa aldea, da súa leira e incluso subir fotos. Con isto queremos achegar a toponimia á xente e facerlle ver que é un patrimonio cultural inmaterial que está desaparecendo polo abandono da agricultura e porque so os vellos lembran os nomes de todos eses lugares. Todo ese patrimonio cultural que reside na toponimia estase perdendo e nós tentamos rescatalo e divulgalo a través das novas tecnoloxías.

-Vamos que van usar as novas tecnoloxías para recuperar algo histórico.

-Aí reside o segredo do proxecto, que estamos falando de algo histórico e tradicional, de nomes que so se transmitiron de viva voz a través de xeración en xeración. E agora resulta que a mellor maneira de perpetualo é subilos á rede e enganchar á xente nova a través das novas tecnoloxías. Se lle dis a un rapaz que vaia a aldea e pregunte aos seus avós sobre topónimos non o vai facer. Pero se vai co móbil si que se anima. Temos que aunar tradición e tecnoloxía e tratar de conseguir proxectos de forma colaborativa. Esta vai ser a gran obra cultural do pobo galego, na que todos os galegos poderemos participar na conservación do patrimonio inmaterial.

-¿Canto tempo levan traballando na recuperación da toponimia?

-En once anos de proxectos sobre toponimia conseguimos facer cento e pico concellos, pero quedan máis de douscentos. Queda moita recollida por facer. Cada ano vamos a quince concellos para informar da nova aplicación e ver se a xente se anima a participar. Detrás de cada topónimo que se perde hai unha historia, información que desgraciadamente desaparece.

-E a xente ¿como responde a súa proposta?

-Hai unha predisposición interesante por parte dos profesores e dos alumnos dos distintos centros. Pero ata que se difunda a aplicación non imos ter ese aluvión de información que prevemos. Si que hai colexios nos que os rapaces están apuntando e facendo mapas, pero non están subindo a información á rede. Levo 18 anos traballando en toponimia e a participación, en xeral, é moi boa. Pero nos faltaba esa ferramenta que nos vai permitir subir toda a información á rede.