Anselmo Villanueva: «Pedimos que se axilicen as licenzas, que non se eternicen os trámites»

Marcos Gago Otero
marcos gago PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

MARCOS GAGO

Os arquitectos da demarcación pontevedresa do COAG renovaron esta semana a súa directiva

30 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Anselmo Villanueva, arquitecto con estudio en Marín, é o novo presidente da delegación de Pontevedra do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

-Como valora a nova etapa que se abriu esta semana?

-Imos ser continuístas. Hai unha nova etapa por refresco e por xente nova no equipo, pero imos continuar coa xestión realizada durante estes anos. Manuel Abelleira, que fixo un gran labor nestes anos, non se vai por nada máis que pola propia idiosincrasia e filosofía do noso Colexio. Os estatutos son moi claros e non se podía presentar máis veces á reelección.

-Por que se presentou vostede?

-Porque teño ilusión e inquietudes á hora de continuar desenvolvendo o labor que xa se iniciou. Hai unha serie de actividades e de medidas que se puxeron en marcha no Colexio e nós queremos seguir apostando por iso.

-Por exemplo?

-Premios que neste ano van recaer en Pontevedra, ou uns ciclos que se celebran cada ano alterno en Portugal e España, e que se farán tamén aquí, xunto con Vigo e Ourense, que son as tres delegacións que o acordaron. Queremos continuar con estes retos.

-Cales son as súas prioridades?

-Continuar co diálogo que xa estivemos tendo coas Administracións, tanto cos concellos como coas autonómicas, no ámbito da nosa delegación, que é o norte da provincia. Tentamos facilitar o labor aos nosos colexiados. Ao mesmo tempo pedímoslle ás Administracións que abran máis oportunidades aos colexiados, que fagan concursos, que o traballo non sexa tan discrecional. Tamén queremos concienciar á sociedade do labor dun arquitecto, que non se nos vexa como un mal necesario. Ás veces vésenos como unha persoa á que se chama para que faga uns papeis para obter unha licenza de obra, e queremos que a sociedade nos considere como técnicos que facemos ben o noso traballo para que o cliente poida ter unha vida mellor. Os proxectos de arquitectura son para mellorar a vida das persoas e ao mesmo tempo para mellorar o medio ambiente. A arquitectura ten unha importancia social, non só para a persoa que habita nese edificio, senón pola repercusión que ten pola súa implantación na sociedade.

-Que máis esperan das Administracións?

-Esperamos que apoien o ombreiro e que axuden á sociedade, e a nós como pezas desa sociedade, axilizando as licenzas. O que queremos, a nosa demanda fundamental, é transparencia e axilidade, sobre todo en entidades como as autonómicas, Patrimonio, Augas e outras. O que queremos é que haxa unha transparencia, unha trazabilidade dos expedientes e rapidez na resolución dos mesmos, quero dicir, que non se eternicen os trámites.

-A nova sede?

-É un dos retos para este mandato, que Pontevedra conte cunha sede de seu, para organizar e levar a cabo a vida colexial dun xeito máis adecuado.

-Pasada a crise, como está o sector na súa profesión?

-Estase recuperando, pero ao mesmo tempo afrontamos un panorama distinto ao que había antes da crise. Agora non se está facendo vivenda ou edificación nova, que case é algo testemuñal. Iso hai que telo en conta. Na actualidade cambiaron os roles e o que se fai é un xiro moi importante cara á rehabilitación, e aí gustaríame incidir en aspectos moi importantes, como son continuar a formación do arquitecto para o emprego de novos materiais e a mellor utilización dos tradicionais. Digo isto porque na época de bonanza económica abusouse moito do tema do ladrillo e do formigón, é dicir, usábanse materiais moitas veces sen criterio, e aí está a cantidade de patoloxías que hai en moitas construcións desa época, porque primaba a velocidade por riba de ofrecer unha arquitectura de calidade e sostible, que son os valores que agora están en voga, por conciencia ecolóxica e social dos arquitectos e dos cidadás.

-Está garantido o relevo xeracional na súa profesión?

-Quen se decida a estudar arquitectura debe facelo por algo vocacional, non por un criterio económico. Estamos na época da selectividade e eu faría un chamamento a que a xente nova se animase a estudar arquitectura. A xente vía ser arquitecto como algo de prosperidade económica, pero eu non o entendo así. E é interesante o labor didáctico que se pode facer desde pequenos. Aquí temos exemplos do que se pode facer, como a edición de Ludantia do ano pasado en Pontevedra, ou o traballo de Taller Aberto, con tres compañeiras que van aos colexios da cidade e ensínanlles conceptos de arquitectura aos nenos.