Vivenda digna: un desequilibrio que ven de lonxe

X. Ramón Vidal

PONTEVEDRA

20 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Os traballadores e traballadoras vencellados ao sector servizos atópanse na nosa comarca cunha dificultade engadida á precariedade laboral -e profundizada pola situación do covid-19- e non é unha cuestión menor: falamos da vivenda.

Vivimos nunha terra na que este sector é hexemónico e se nas crises económicas fixo de refuxio, na situación actual é o máis prexudicado.

Todos somos coñecedores de que o parque de vivenda pública non existe e a maioría, por non dicir a totalidade, do alugamento está nas mans do sector privado. Esta situación poderíase reverter cun pouco de vontade por parte das Administracións. E con memoria, tamén con memoria.

Hai poucos anos creárase unha «Bolsa de Alugueiro», artellada baixo o paraugas da Xunta na que se recollían as demandas de necesidade de vivenda dos cidadáns e certas normas co fin de seren unha opción atractiva para os propietarios ao garantírselles as cantidades de alugamento (prezos, nun abano prestablecido) e o máis importante a devolución das vivendas unha vez rematado o contrato en bo estado, segundo un uso adecuado dos inquilinos.

Tan só sentidiño, experiencia e interese en darlle unha solución que xa foi aplicada e «con grande éxito», segundo palabras dos responsables políticos de Vivenda da Xunta daqueles tempos, de cara a garantir un dos dereitos fundamentais da nosa Constitución: o dereito a unha vivenda digna.

Memoria, só memoria, e sentidiño.