Polo Correo do Vento achega a figura de Lorca aos colexios e o Sexto Edificio

PONTEVEDRA

POLO CORREO DO VENTO

A programación inclúe contacontos ilustrados, roteiros por Pontevedra e mesas redondas

18 oct 2020 . Actualizado a las 18:08 h.

Achegar a figura de Lorca a nenos e adultos. Este é o gran reto da segunda edición da Semana Lorquiana que, impulsada polo Museo de Pontevedra, vaise desenvolver do 20 ao 24 de outubro, véspera do Día de García Lorca en Galiza. Dirixidas por Polo Correo do Vento, estas xornadas afiánzanse no almanaque cultural «ampliando e axeitando a oferta lorquiana no Museo», destacaron dende a Deputación.

Precisaron que nesta edición «terase en conta a realidade da situación actual da pandemia provocada polo co vid-19», de tal xeito que «as actividades se realizarán tendo en conta as medidas recomendadas para protexer a saúde de todas as persoas participantes -hixiene, menor aforo, actividades ao aire libre, alternativas de presentacións en vídeo…-.

A programación arrancará o vindeiro martes con contacontos ilustrados para os colexios de Pontevedra. Trátase de sesións de 60 minutos aproximadamente nas que se realizará unha narración dirixida ao público infantil ao tempo que se desenvolve un debuxo. En ambos casos, vencellados á presenza de Lorca en Galicia e aos fondos do Museo de Pontevedra. Na parte final, a rapazada terá ocasión de ilustrar ao poeta granadino nun obradoiro de debuxo.

Os actos continuarán, xa para un público máis adulto, cunha mesa redonda, Federico García Lorca en Pontevedra. As iniciativas pedagóxicas e a revista Cristal, o xoves

22 de outubro no Sexto Edificio. Coa participación da libreira e escritora Mercedes Corbillón como moderadora, e o historiador e crítico de arte Ramón Rozas, o editor Henrique Alvarellos e o escritor Xosé María Álvarez Cáccamo.

As xornadas rematarán o sábado 24 co roteiro Lorca e a revista Cristal, no que é preciso a inscrición previa no correo electrónico gabinetedidactico.museo@depo.es. A iniciativa percorrerá a cidade de Pontevedra, dende a praza de San Xosé ata o Museo Provincial, tendo como trasfondo a relación coa publicación da revista Cristal e a súa vinculación co poeta.