Andrea Porto, de A Banda da Loba: «Vemos un cambio de patrón, cada vez o feminismo ten máis forza»

Alfredo López Penide
López penide POIO / LA VOZ

PONTEVEDRA

A BANDA DA LOBA

A Banda da Loba actúa hoxe en Ferreirós, en Poio, polo Día da Matria

23 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Déronse a coñecer no 2017 coa publicación de Bailando as rúas e tomaron o seu nome coma homenaxe a Pepa a Loba: «Tíñamos claro que o nome do grupo tiña que ter unha carga feminista e que se vencéllase á cultura do país. Barallando diferentes opcións atopámonos coa figura de Pepa, que nos parece que ten moitísima forza. Todo o mundo coñece a Robin Hood, pero moita xente descoñece a Pepa a Loba, que era unha bandoleira do século XIX que lideraba unha cuadrilla de homes. Se iso xa sería difícil hoxe en día, por entón... Ademais, a súa vida foi moi accidentada. Era unha figura que tiña moita forza e servía á idea que temos nós de abrir un pouco o camiño, de normalizar proxectos liderados por mulleres, de ter que facerte un oco nun mundo de homes como fixo Pepa. Iso si, sempre decidimos que non concordamos coa parte violenta. A súa figura móvese entre a lenda e a realidade. Hai moitos lugares que din que había unha Pepa a Loba, polo que tamén é unha figura máxica», explica Andrea Porto, baixista de A Banda da Loba, grupo que esta noite actuará en Poio na conmemoración do Día da Matria.

-Que evoca matria?

-Trasládame moitas ideas. A primeira, a terra, non so a nivel físico, a terra que habitas, senón tamén pola parte cultural, que neste caso nos atinxe a nós e dentro desta, algo fundamental, a lingua. Sentímonos moi identificadas e, de feito, en Fábrica de luz fixemos, precisamente, unha homenaxe a esas ideas, a esas fábricas de luz que son as que nos definen e nos permiten ser o que somos. A terra que habitamos, a lingua coa que nos identificamos, coa que a vivimos e a sentimos, as escritoras que nos precederon que foron abrindo camiño, as nosas propias nais... A matria é darlle visibilidade a toda esa identidade feminina que fai de substrato e que posibilita que todo o que hai por riba sexa visible.

-E que imos atopar no concerto desta noite?

-Vai ser un acto moi bonito. Ademais do reparto de bandeiras, imos falar un pouquiño algunhas de nós e despois, tendo en conta que vai ser un acto máis curto e que está vertellado á idea de matria, imos facer un espectáculo que para nós é moi especial e que se chama Hasme oír. Estamos presentando este novo EP, que está baseado nos versos de Xela Arias e que pon o foco non só na súa obra, senón na importancia que tivo. Facemos alusión a que, en case setenta anos das Letras Galegas, é a quinta homenaxeada. Estamos vendo un cambio de patrón, cada vez o feminismo ten máis forza. É un espectáculo no que a poesía ten máis peso se cabe que noutros espectáculos nosos. Hai partes recitadas, están os poemas de Xela, un de Rosalía... É máis curto que o espectáculo de Fábrica de luz, pero para nós e moi especial e cremos que é o máis acaído para o momento.

-Fala do feminismo. Para un grupo composto so por mulleres é máis complicado facerse un oco na industria musical.

-Nós non levamos tantos anos. O primeiro traballo sacámolo a finais do 2017 e estamos no 2021 cunha pandemia de por medio. É certo que levamos tres traballos discográficos e, en xeral, notamos que a acollida por parte do público é boa, pero o que si nos segue a pasar é que segue a parecer estraño que haxa unha banda de mulleres. Chegas a un lugar e preguntan: «Pero, sodes todas mulleres?». Ou «para cando ides meter un home na banda?». E nós preguntámonos a cantos grupos de homes lles preguntan cando van meter unha muller. O camiño é que cada vez isto sexa máis normal e que non chame a atención que haxa unha rapaza tocando a batería. Ao mellor, é unha cuestión de visibilidade. É certo que somos poucas e loitamos contra a marea, pero sentimos que a xente nos acolleu. Si que estamos tendo espazo.

-Como xurdiu A Banda la Loba?

-Sempre dicimos que, aínda que algunhas de nós non nos coñecíamos de antes, si que había algunha conexión. A cuestión foi que tíñamos gañas de ter un proxecto deste tipo e unha idea moi semellante de que é a música e a función que pode representar. Todas temos unhas inquedanzas sociais semellantes e iso trasladámolo ás cancións. Poder estar cinco mulleres no escenario sin que ninguén te teña que dicir o que tes que facer ou como tes que facelo, sen caer nestes paternalismos. Máis que nada era a vontade de querer ter un proxecto deste tipo e de coincidir no espazo e no tempo. Ao final vas creando unha especie de familia.